Unhas 3.400 actividades enchen o mapa de Galicia con maxia, música, espectáculos de rúa e outras propostas para todos os públicos por máis de 200 concellos
No verán, Galicia atéigase de animación e cultura en cada un dos recunchos das catro provincias, compoñendo a mellor programación do calendario de estío. Desde a Xunta de Galicia, o programa Para Gustos, Cultura engloba máis de 3.400 actividades vencelladas a corenta tipoloxías culturais, que se están a desenvolver dende xuño e ata setembro en máis de 200 concellos.
IA PARA RECREAR EN 3D A FIGURA DE CASTELAO NA CIDADE DA CULTURA
A axenda cultural para estes meses vai pensada para todo tipo de público, con propostas que non deixan fóra ningún eido vencellado á cultura. A literatura ten o seu espazo nas oito citas coa Feira do Libro, así como as numerosas exposicións con diversa temática en bibliotecas e museos, como a mostra Castelao: Mirar por Galicia, unha exposición inmersiva na Cidade da Cultura, que ofrece unha recreación hiperrealista con intelixencia artificial desta gran figura da cultura galega para celebrar o Ano Castelao.
PROPOSTAS ESCÉNICAS PARA TODOS OS GUSTOS E IDADES
O teatro e as artes escénicas, en todas as súas variantes, suman máis de 1.300 actividades para público diverso, destacando as pezas que leva a escena o Centro Dramático Galego, ou os case 300 eventos que o programa Cultura no Camiño achega ás vilas polas que transcorren as rutas xacobeas.
Así mesmo, a música non falta nas citas do verán dentro da axenda de Para Gustos, Cultura, con actuacións musicais en diversos puntos da comunidade galegta e a celebración dos festivais baixo a marca Fest Galicia.•
TEATRO

Punto en boca: entre fíos anda o lío é un espectáculo itinerante da creadora Raquel Crespo e o Centro Dramático Galego, pensado para o público familiar.
MULLER E INCLUSIÓN
A peza propón unha reflexión sobre o valor dos oficios tradicionais e o papel da muller no eido da costura e da industria téxtil. Raquel Crespo interpreta unha muller, metade actriz e metade costureira, que percorre o mundo co seu carromato; este é o seu fogar con rodas, ademais de escenario e taller. A protagonista fai esta viaxe soa, tendo por única compañeira unha araña, que rexistra nas súas teas todos os silencios.
A obra está a xirar por varios municipios galegos, boa parte deles situados no rural, con citas no mes de xullo en Bóveda, dentro dos eventos da Feira Tradicional Outrora de Rubián, e na Pobra do Brollón. En agosto, o espectáculo de Raquel Crespo e o Centro Dramático Galego tamén visita o sur de Lugo, con parada en Sarria o día 6 e en Taboada o 8 deste mes.•
CONCERTOS

A música ocupa un lugar destacado no programa Para Gustos, Cultura, cubrindo varias tendencias dende a lírica ata a música tradicional ou a moderna. Entre as bandas e grupos de artistas de raíz que actúan este verán en diversos puntos da xeografía galega están Uxía Pedreira, Luar na Lubre, Milladoiro ou A Roda. Esta formación musical inclúe a Monforte na súa Xira 2025, cun concerto previsto para a noite do 11 de agosto, dentro da programación das Festas Patronais da cidade do Cabe. •
HUMOR E MAXIA

Os espectáculos e as artes escénicas, tanto a pé de rúa como en auditorios ou teatros, están a acadar unha ampla aceptación entre o público de todas as idades. Por iso, son parte fundamental das programacións culturais e de lecer.
Eventos deste tipo intégranse no calendario de Cultura no Camiño, unha iniciativa que leva anos dinamizando os concellos polos que transcorren as rutas xacobeas con multitude de funcións. Desta volta, ofrécense máis de 300 espectáculos para todo tipo de públicos, con especial atención ao público familiar.
Unha das citas con este tipo de actividades terá lugar en Chantada o sábado 30 de agosto. Nesta xornada, a Praza do Cantón acollerá, ás oito da tarde, o espectáculo de maxia Flash and Borther, a cargo de Hípica Celta. A obra é unha dedicatoria a todas aquelas mulleres que, na maioría dos casos, desde a sombra e o anonimato, fixeron posible a sorpresa do público de maxia.•
PÚBLICO INFANTIL

A programación integrada en Para Gustos, Cultura ten moi presente os máis cativos, co obxectivo de ofrecer espazos de ocio cultural durante as vacacións. En agosto, o día 10 ás oito e media da tarde poderá verse en Quiroga o Circo doble espresso, a cargo de Desastronauts. O día 27, o Paseo do Malecón en Sarria acollerá ás oito da tarde o Consertasso na horta, un espectáculo de teatro a cargo de Brais das Hortas, con música e humor para toda a familia. •




