
O PSdeG-PSOE de Sarria denunciou o peche do matadoiro municipal sen que o goberno local, presidido por Claudio Garrido, dera explicación algunha e reclama información urxente e critica o “ocultismo absoluto” do executivo sarrián respecto dunha situación que, segundo destacan, afecta directamente a gandeiros, carniceiros e á economía da vila.
O voceiro socialista, Benjamín Escontrela, lamentou que o alcalde desaproveitara a ocasión de ofrecer información no último pleno municipal. “Só sabemos que o matadoiro está pechado. Nin en pleno nin por outras canles se nos trasladou ningún motivo”, afirmou.
Dende o PSdeG sinalan que entre os rumores que circulan na localidade falouse dunha avaría na caldeira ou dun permiso vacacional ao persoal, mais insisten en que se trata unicamente de especulacións. “Reclamamos transparencia, responsabilidade institucional e un mínimo de cortesía democrática”, engaden.
Consideran que o peche ten un impacto moi negativo, en verán, coincidindo cun aumento da poboación, o que incrementa a actividade comercial e a demanda de servizos.
Lembran que a Consellería do Medio Rural ofreceu apoio económico ao Concello para manter o servizo, nunha reunión celebrada en novembro e que, segundo a información dispoñible, a documentación foi remitida, mais descoñecen en que punto se atopa a tramitación.
Ante a falta de respostas, avanzan que están en contacto con BNG e PP para solicitar un pleno extraordinario que obrigue o executivo local a dar conta do acontecido.•





