O Concello de Monforte investiu máis de 260.000 euros na pavimentación da pista principal e dunha vía de acceso, co obxectivo de garantir a súa operatividade durante todo o ano

O aeródromo municipal de As Lamas, en Monforte de Lemos, volveu estar plenamente operativo desde o luns 4 de agosto, unha vez concluídas as obras de mellora promovidas polo Concello. A nova infraestrutura foi xa empregada por aeronaves procedentes de Barcelona, Braga e doutros puntos de Portugal, segundo confirmou o alcalde, José Tomé Roca, quen avanzou tamén a chegada doutos voos nos vindeiros días, na súa maioría procedentes de fóra de Galicia.
As actuacións acometidas centráronse na pavimentación da pista de voo de herba de 705 metros de lonxitude e 13,3 metros de ancho, cunha superficie total de 9.385 metros cadrados. A pista, que ata o de agora tiña un firme de terreo natural compactado, foi acondicionada mediante unha base de zahorra e un asfaltado con aglomerado en quente tipo D-12 de 5 centímetros de espesor. Finalmente, aplicáronse as correspondentes marcas viarias conforme á normativa aérea. O orzamento desta intervención foi de 168.790,16 euros.
Ademais, mellorouse o camiño municipal de As Lamas, unha vía de servizo de 1,54 quilómetros que conecta a estrada de Currelos co campo de tiro e o propio aeródromo. O custo desta segunda actuación foi de 91.718 euros. En conxunto, o investimento ascendeu a 260.508,16 euros.
O alcalde destacou a importancia estratéxica do aeródromo, ao que definiu como “único en Galicia”, tanto pola súa operatividade como pola súa localización. Subliñou que a súa proximidade ao centro urbano favorece a elección de Monforte por parte de pilotos e tripulacións, que atopan aloxamento e servizos hostaleiros a pouca distancia. Isto repercute, segundo explicou, en sectores como o taxi e a restauración, que se benefician do tránsito continuo de usuarios.
Desde que obtivo a autorización como campo de voo para ultralixeiros en 2012 e a súa conversión posterior en aeródromo no ano 2015, As Lamas rexistrou unha media anual de entre 300 e 500 operacións de aeronaves. Está aberto ao tráfico de maneira permanente e acolle tanto voos de ocio como operacións profesionais. Ademais de clubs aéreos de toda España e de países como Portugal ou Francia, utilizan estas instalacións empresas que realizan inspeccións de infraestruturas, reportaxes audiovisuais ou operativas con drons.
O aeródromo tamén foi sede da Volta Aérea Ibérica, entre España e Portugal, e de encontros da Asociación de Aviación Experimental, eventos que atraen a pilotos e construtores de aeronaves lixeiras de todo o Estado. En edicións pasadas da Volta Ciclista a España, os helicópteros de Televisión Española utilizaron estas instalacións como base, facilitando as tarefas de cobertura sen necesidade de desprazamentos a outros puntos de Galicia.
José Tomé salientou tamén a boa valoración que fan os pilotos que operan en As Lamas, tanto pola situación xeográfica, como polas condicións do aeródromo. A nova pavimentación permitirá que as operacións de aterraxe e despegue poidan realizarse en condicións óptimas ao longo de todo o ano, incluídos os meses máis chuviosos, cando anteriormente a pista quedaba inutilizada por acumulación de auga.
A xestión das instalacións corre a cargo do Club Aerolemos, mediante cesión por parte do Concello. O aeródromo conta con dous hangares e continúa consolidándose como punto de referencia para a aviación lixeira na metade norte da península.•





