
O Concello de Sober celebrará os días 11 e 12 de agosto a XXVIII Feira da Rosca, Mel e outros Produtos da Ribeira Sacra, así como o VII Túnel do Viño de Amandi. A cita incluirá degustacións, demostracións artesanais, música e obradoiros abertos a todos os públicos.
A programación comezará o luns 11 co Túnel do Viño, que abrirá ás 19:00 horas na Praza do Concello. Alí poderanse probar arredor de 50 referencias elaboradas por 25 adegas das subzonas de Amandi e Sober. O evento está organizado por Vinosacra coa colaboración da empresa Torre de Núñez, e contará coa actuación musical de Nectarine Soul. O martes, o Túnel reabrirá entre as 11:00 e as 15:00 horas.
Como novidade, ao longo da tarde do luns, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria ofrecerá unha experiencia gastronómica gratuíta. O cociñeiro José Manuel Mallón preparará 500 tapas compostas por empanada de pemento do Couto con queixo San Simón da Costa, tosta de pan galego con tenreira e mostaza de grelos, e crema de tarta de queixo con mel e granola.
O martes 12, a feira abrirá ás 10:00 horas cos tradicionais postos de rosca e mel. A xornada incluirá unha demostración de talla con motoserra a cargo de Eugenio Linares ás 11:00 horas, obradoiros de feltro e cestería, e unha actuación do grupo Os Valouros ás 12:00 horas. Como peche, o público poderá degustar 2.000 racións gratuítas de rosca con queixo ás 13:00 horas, nunha iniciativa promovida polo Concello coa colaboración de Queserías Prado.•





