
A Xunta de Galicia promove este verán distintas actividades xuvenís na zona sur da provincia de Lugo a través do programa de campamentos da Dirección Xeral de Xuventude. Un dos exemplos é o campo de voluntariado “Romería e Castro de San Lourenzo”, que se desenvolve en Pobra do Brollón ata o 12 de agosto, con trece participantes de Galicia, doutros puntos de España e doutros países como Italia ou Hungría. As persoas voluntarias colaboran en tarefas de escavación e mantemento no castro e na necrópole medieval de San Lourenzo, e tamén na organización da tradicional romaría que ten lugar no propio castro o día 10.
Outro exemplo é o campamento de inmersión lingüística en inglés en Os Peares, no concello de Carballedo, onde medio cento de nenos de 8 a 11 anos participan en xogos e obradoiros. Esta primeira quenda, que decorre do 1 ao 8 de agosto, continuará con novas edicións nas próximas semanas.•





