O plan inclúe indemnizacións ás persoas afectadas, apoio á recuperación de vivendas e explotacións, liñas para empresas e concellos e alivios fiscais

Ourense acolleu o pasado 29 de agosto un Consello da Xunta de carácter extraordinario no que se aprobou un paquete de medidas para a recuperación das áreas afectadas pola vaga de incendios forestais deste verán. O presidente autonómico, Alfonso Rueda, anunciou un conxunto de axudas que abranguen desde a atención a cidadáns con perdas persoais ou materiais ata apoios directos a concellos, empresas, explotacións agrogandeiras e forestais.
Segundo explicou, a prioridade do Executivo galego é que “a reconstrución sexa o máis rápida posible”. As bases das achegas publicaranse no Diario Oficial de Galicia e poderán solicitarse desde o 1 de setembro. Para canalizar a información e resolver dúbidas, habilitaranse 16 oficinas de atención específicas, atendidas por medio centenar de traballadores públicos, ademais do teléfono 012 reforzado para a ocasión.
No ámbito dos danos persoais, establécense indemnizacións de 87.500 euros en caso de falecemento ou incapacidade permanente absoluta, e de 120 euros por día de hospitalización para persoas feridas.
As vivendas tamén contarán cunha liña de apoio diferenciada. Para as habituais, poderase recibir ata 132.000 euros para rehabilitación, reconstrución ou adquisición dun novo inmoble se fose declarado ruinoso. A maiores, haberá 16.200 euros para mobles e enxoval doméstico. Nas segundas residencias, a contía máxima situarase en 66.000 euros, con ata 5.400 euros adicionais para equipamento básico. Exclúense das achegas as casas abandonadas no momento dos incendios. Como complemento, prevese apoio para o realoxo dos afectados a través de convenios municipais e do Bono alugueiro social, cunha cobertura de ata o 100 % da renda e unha achega adicional de 600 euros para gastos de mudanza ou transporte.
No sector primario, a Xunta puxo en marcha oito liñas de apoio destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais. Os beneficiarios poderán cubrir o 100 % do investimento, cun límite de ata 200.000 euros por persoa. Inclúense axudas para reparar ou substituír maquinaria, equipos e medios de produción, así como unha achega específica de ata 15.000 euros para alimentación complementaria de gando e colmeas durante un máximo de seis meses.
Tamén se compensarán perdas produtivas: 12.700 euros por hectárea no viñedo, 1,22 euros por quilo no caso da castaña, ou importes fixados segundo seguros agrarios noutras producións. No tocante ao gando, as indemnizacións calcularanse en función da especie e idade, cun máximo de 1.600 euros por bovino adulto. Ademais, establécense liñas para a reparación de infraestruturas forestais privadas (ata 15.000 euros), maquinaria empregada na extinción (ata 50.000 euros), madeira queimada e plantacións substitutorias (ata 100.000 euros).
En paralelo, habilitouse unha liña específica para empresas non vinculadas ao agro nin á gandería. O obxectivo é cubrir ata o 100 % dos danos en instalacións, maquinaria, mercadorías ou vehículos comerciais, cun máximo de 600.000 euros por beneficiario, ampliable a 1,5 millóns cando se vexa comprometido o emprego. A convocatoria terá carácter directo e subsidiario respecto doutras indemnizacións.
No plano local, os concellos poderán acceder a fondos para afrontar gastos de reparación de infraestruturas e servizos públicos danados, así como custos de limpeza, restauración ambiental ou aloxamento da poboación evacuada. Como novidade, tamén se financiarán os gastos asumidos polos veciños pola súa colaboración nas tarefas de extinción.
O decreto inclúe igualmente achegas para infraestruturas de uso público en espazos naturais protexidos ou reservas da biosfera, con importes de ata 40.000 euros. Outra orde complementaria destinarase a tecores afectados, para sementeira de cereais como alimento da fauna e para reparar instalacións danadas, cun máximo de 12.000 euros por solicitante.
Ademais das achegas directas, o Goberno galego anunciou alivios fiscais para cidadáns e empresas dos concellos afectados. Entre eles, a ampliación de prazos tributarios, a exención de taxas derivadas de trámites por perda de vivendas ou vehículos, e a eliminación do canon da auga e de depuración asociado ao uso extraordinario durante os incendios. A Xunta reclamará ao Executivo central que adopte medidas fiscais complementarias, vinculadas á declaración de zonas catastróficas.
As medidas aprobadas contan cun prazo de solicitude dun mes a partir da súa publicación oficial, salvo no caso das axudas de vivenda, que poderán pedirse ata o 28 de novembro.•





