As obras de mellora da estrada Monforte-Sober entran na súa fase final

A intervención abrangue case dous quilómetros de vía entre San Lázaro e Piñeira, cun investimento superior aos 400.000 euros destinado a reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade

José Tomé acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada; técnicos do servizo de Vías e Obras da Deputación de Lugo, e directivos da empresa Ovisa. Foto GPCM.

O alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou recentemente as obras de mellora que se executan na estrada provincial LU-P-3201, que une Monforte con Sober, nun treito comprendido entre a Capela de San Lázaro e a parroquia de Piñeira. Acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, por técnicos do servizo de Vías e Obras da Deputación e por responsables da empresa adxudicataria, Ovisa, o rexedor comprobou o avance dos traballos, que se atopan xa nunha fase moi avanzada e que estarán concluídos en breve. O orzamento do proxecto, asumido na súa totalidade pola Deputación, supera os 400.000 euros.
Segundo explicou Tomé, trátase dunha intervención de especial relevancia, xa que afecta a unha das estradas provinciais con maior tránsito, tanto por servir de conexión directa entre Monforte e Sober como por constituír unha das entradas á cidade. Ademais, no seu primeiro treito dá servizo a instalacións como o complexo polideportivo da Pinguela, o IES A Pinguela e a Escola Obradoiro municipal, así como a diversas vivendas.
En conxunto, os traballos afectan a case dous quilómetros de vía.
O proxecto elaborado polo servizo de Vías e Obras contempla a reapertura e limpeza das cunetas, a reparación do drenaxe transversal e a instalación dunha nova canaleta baixo o paso a nivel, mellorando así a evacuación das augas. Tamén se inclúe a reposición do firme cunha nova capa de mestura bituminosa en quente, o que permitirá dotar á estrada dunha maior capacidade estrutural e dunha superficie máis regular.
Na parte máis urbana, prevese a pavimentación con formigón alisado en determinados tramos e a execución dunha rigola prefabricada para separar o firme da zona peonil. Desta maneira, facilitarase a creación dunha cuneta transitable para as persoas que se desprazan a pé e mellorarase o acceso á ponte inferior do ferrocarril, así como os espazos de estacionamento situados diante do instituto e da Escola Obradoiro.
Unha vez completada a pavimentación, procederase ao repintado da sinalización horizontal con marcas reflexivas, incluíndo pasos de peóns e paradas de autobús, así como á reposición da sinalización vertical deteriorada. Ademais, instalaranse bandas sonoras na contorna do IES A Pinguela para reducir a velocidade dos vehículos.
O alcalde subliñou que “estamos a actuar nunha vía que soporta un volume moi elevado de tráfico, tanto de vehículos que se desprazan entre Monforte e Sober como daqueles que acceden á cidade desde Piñeira. Esta mellora beneficiará directamente aos veciños da zona e a todas as persoas que empregan a estrada para acceder a instalacións deportivas e educativas”, explicou.
Tomé destacou, ademais, que a actuación se enmarca nun proceso máis amplo de renovación dos espazos públicos da contorna, onde xa se executaron obras de mellora no pavillón polideportivo e no aparcadoiro, e se acometeu a reforma integral da piscina municipal.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Viñobús Vendima ofrece en setembro unha inmersión na viticultura heroica da Ribeira Sacra

Seguinte Nova

Monforte adxudica o novo contrato do bus rural gratuíto para as parroquias

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

Ir aInicio

Don't Miss