
O Santuario de Cadeiras celebrou o domingo 31 de agosto unha xornada xubilar no marco do Ano Santo 2025, organizada baixo o lema Peregrinos de Esperanza. O programa deu comezo ás 12:00 horas cunha celebración penitencial á que seguiu a misa solemne, concelebrada por seis sacerdotes, e concluíu cunha procesión multitudinaria na que a imaxe da Virxe foi trasladada ata a igrexa de Pinol, onde permanecerá ata o sábado seguinte. O templo de Cadeiras foi un dos lugares designados polas dioceses galegas para gañar o xubileu en datas concretas, sumándose ás basílicas e templos sinalados para todo o ano santo. Para obter a indulxencia plenaria, os fieis deben visitar un destes espazos, confesarse, comulgar e rezar polas intencións do Papa, ademais de mostrar arrepentimento sincero. A programación da semana inclúe tamén a novena en honra á Virxe, con misas diarias ás oito da tarde que congregan numerosos devotos.•




