
O Auditorio Municipal de Chantada, situado na Praza de Galicia, será o escenario dun ciclo de obradoiros prácticos orientados a persoas emprendedoras que queiran reforzar a súa presenza nas redes sociais. A iniciativa desenvolverase os días 17 e 18 de setembro baixo o título “Fai despegar o teu proxecto nas redes sociais utilizando o teu teléfono móbil”.
O programa inclúe dúas sesións de catro horas: o mércores 17, de 16.00 a 20.00 horas, impartirase un taller centrado na realización de fotografías de maior calidade; e o xoves 18, no mesmo horario, traballarase a creación de vídeos adaptados ás dinámicas das plataformas dixitais.
A proposta insírese no proxecto Comunidades de Emprego e Emprendemento rural sostible, promovido por Acción contra a Fame e financiado polo FSE+ e a Fundación MAPFRE, co obxectivo de dotar ás persoas emprendedoras de ferramentas prácticas e accesibles para mellorar a súa visibilidade e conectar coa súa clientela potencial.
As prazas son limitadas e requiren inscrición previa a través da ligazón https://bit.ly/fotoevideoredes
ou no teléfono 648 16 68 48. No marco deste mesmo proxecto, tamén se desenvolverán en Monforte de Lemos catro obradoiros adicionais sobre cuestións xurídicas, contables e de marca.•





