
O Servizo de Atención Temperá de Quiroga organizou este mércores 3 de setembro unha nova Xornada de Portas Abertas nas súas instalacións do barrio da Ribeira. A iniciativa, que repite tras o éxito da edición anterior, estivo dirixida a nenos e nenas usuarios do servizo e ás súas familias, así como a aquelas que formaron parte del desde a súa creación.
COMUNICACIÓN ENTRE FAMILIAS E PROFESIONAIS
O encontro pretendeu fomentar o espírito de comunidade e reforzar o vínculo cos profesionais que integran o equipo.
Durante a tarde desenvolvéronse xogos e actividades conducidas polos especialistas en Psicoloxía, Logopedia e Terapia Ocupacional, ademais dunha merenda compartida que favoreceu o diálogo entre familias e profesionais. O encontro tamén serviu para agradecer a confianza depositada no servizo e ofrecer un espazo de convivencia e intercambio de experiencias.
O SAT de Quiroga comezou a funcionar en setembro de 2020, dirixido a nenos de 0 a 6 anos con trastornos do neurodesenvolvemento ou risco de padecelos. Inicialmente contou con Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, ampliándose en 2021 a Bóveda, O Saviñao, Pantón, A Pobra do Brollón e Sober. Actualmente intégrano oito concellos cun equipo de cinco profesionais.
Segundo o balance de 2024, o servizo rexistrou 283 sesións de valoración, fronte ás 205 do ano anterior, e atendeu 111 menores con sesións individualizadas, un aumento respecto aos 94 de 2023. As áreas con maior demanda foron Logopedia (39,28 %) e Psicoloxía (33,06 %). O Saviñao e Quiroga concentraron máis do 60 % dos usuarios.
Desde xullo de 2023 a dirección do SAT recae en Xosé Manuel Fernández, concelleiro de Servizos Sociais de Quiroga. O convenio vixente garante a continuidade do servizo ata 2026, sen lista de espera na actualidade.•





