A experiencia permitirá vivir a recollida da uva, visitar viñedos e adegas e compartir un xantar tradicional en grupos reducidos

A chegada da vendima trae consigo unha das propostas máis singulares do calendario enoturístico galego: o Viñobús Vendima da Ribeira Sacra. O Consorcio de Turismo, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, anunciou a apertura do prazo de reservas para esta iniciativa, que se desenvolverá durante tres fins de semana de setembro, os días 13, 14, 20, 21, 27 e 28.
A actividade permite ás persoas participantes mergullarse na chamada viticultura heroica, característica dos espectaculares socalcos da Ribeira Sacra, hoxe candidata a Patrimonio da Humanidade. O programa inclúe unha visita guiada ao viñedo, onde se aprende sobre as variedades de uva e se participa na recollida e transporte dos acios. Non falta a posibilidade de pisar a uva, recuperando a tradición que marcou durante séculos a produción vitivinícola desta zona.
Tras o traballo no campo, o itinerario continúa nas adegas, cunha cata de viños e mosto e un xantar baseado no menú típico dos viticultores durante a vendima. A proposta, orientada a grupos reducidos de máximo 15 persoas, inclúe o traslado dende Monforte, guía acompañante e unha experiencia deseñada para manter a autenticidade. O prezo é de 15 euros para adultos e 10 para nenos e nenas entre 4 e 12 anos, sendo gratuíto para menores de 4.•





