
A Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next, creada en 2023 para agrupar e dar resposta ás necesidades do tecido empresarial das provincias de Lugo e Ourense, iniciou este verán unha nova etapa coa contratación da súa primeira xerencia. O elixido foi David Diéguez, lucense de 34 anos, cunha traxectoria vinculada á banca, á xestión empresarial e á dinamización de entidades de diversos sectores. A súa incorporación supuxo un paso considerado prioritario para impulsar a operatividade dun colectivo que integra ámbitos moi diversos e que busca fortalecer a cooperación entre empresas.
Coa estrutura xa en marcha, a asociación decidiu convocar eleccións para conformar a súa primeira Xunta Directiva. O prazo para presentar candidaturas estivo aberto entre o 1 e o 5 de setembro, quedando establecido que do 16 ao 25 se desenvolverá a campaña de difusión das propostas a través dos medios propios da entidade. A votación terá lugar o 26 de setembro no Casino Ateneo de Monforte, en horario de 9.00 a 21.00 horas.
As candidaturas deberán presentarse en listas completas, que inclúan os cargos de presidencia, vicepresidencia, secretaría, tesourería e, polo menos, unha vogalía. Só poderán participar socios activos ao día coas súas obrigas e censados a 31 de agosto. As listas admitidas serán publicadas o 16 de setembro e poderán facer campaña a través das canles oficiais. O escrutinio realizarase tras o peche da urna, comunicándose os resultados no mesmo día, baixo os principios de transparencia e participación.•





