
A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade fixo pública esta semana no Diario Oficial de Galicia a declaración de impacto ambiental (DIA) favorable ao proxecto presentado por Votorantim Cementos España para a construción dunha nova nave no lugar do Oural, no concello de Sarria. Trátase dunha planta destinada á produción de combustibles sólidos recuperados (CSR) a partir de residuos industriais e urbanos non reciclables, que se empregarán posteriormente nos fornos da fábrica de cemento da compañía xa existente na mesma parcela.
A resolución chega tras un proceso de avaliación no que participaron diferentes organismos sectoriais e administracións afectadas, que emitiron informes favorables ou favorables condicionados. A autorización queda supeditada ao cumprimento estrito das exixencias recollidas neses ditames e no plan de vixilancia ambiental. Ademais, o proxecto deberá superar agora a fase de autorización ambiental integrada (AAI), imprescindible para a súa execución definitiva.
A parcela na que se proxecta a nova infraestrutura suma 215.282 metros cadrados, dos que 5.820 estarán ocupados pola nave. Esta dividirase en tres áreas: unha zona de recepción e almacenamento dos materiais, dotada dun alimentador principal conectado a unha cinta transportadora; unha área de tratamento, cun triturador primario e separadores magnéticos para recuperar metais e clasificar os residuos segundo a súa densidade; e un terceiro espazo de almacenamento de CSR listos para a súa expedición.
Segundo a documentación presentada, a capacidade máxima da planta permitirá procesar máis de 160.000 toneladas de residuos ao ano, tanto de orixe industrial como urbana e comercial, sempre que non resulten aptos para outras vías de reciclaxe. A produción resultante alcanzaría arredor de 85.000 toneladas anuais de combustibles sólidos recuperados, destinados a dous usos principais: o queimador principal e o calcinador da fábrica de cementos de Oural.
A declaración favorable non implica unha carta branca para a empresa promotora, senón que fixa obrigas concretas en materia de protección da atmosfera, das augas, dos solos e infraestruturas, así como en relación coa saúde da poboación e coa xestión de residuos xerados pola actividade. Inclúe tamén prescricións sobre integración paisaxística, eficiencia enerxética e medidas de restauración das zonas afectadas, xunto con disposicións específicas en materia de prevención de riscos graves e accidentes.
O documento fai fincapé en que, malia a avaliación positiva, Votorantim Cementos deberá obter todas as licenzas e autorizacións sectoriais correspondentes antes de iniciar as obras. Entre as condicións máis habituais recollidas nos informes técnicos figuran a presentación de estudos adicionais, a obtención de permisos previos á construción e, nalgúns casos, a reformulación de determinadas características para garantir a compatibilidade co medio ambiente.
A DIA cumpre así o seu papel de instrumento clave na integración dos aspectos ambientais en proxectos de grande impacto potencial. A súa finalidade é determinar as condicións necesarias para minimizar ou compensar os efectos no territorio durante todas as fases: construción, explotación e eventual desmantelamento. Trátase dun trámite exhaustivo e de carácter vinculante, como amosa o feito de que a maioría das resolucións favorables inclúan condicionantes específicos e un plan de seguimento estrito.
No caso de Sarria, a nova nave de combustibles sitúase nas inmediacións da actual planta de cemento, ao sur do concello, unha localización que xa concentra parte da actividade industrial da zona. O Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, dependente da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, asumirá de novo a tramitación do expediente unha vez completado o proceso ambiental e será o encargado de velar polo cumprimento de todas as medidas impostas se o proxecto recibe finalmente a autorización ambiental integrada.
Deste xeito, a Xunta de Galiciadá un paso máis na tramitación dunha iniciativa que busca valorizar residuos non reciclables para a súa conversión en combustibles alternativos, mais deixando claro que o desenvolvemento só poderá materializarse baixo unha serie de condicións estritas que garantan a protección da contorna e da veciñanza.•






