
O Concello de Bóveda pon en marcha este sábado 6 de setembro o programa Familias Corresponsables. Coidado Compartido, cun primeiro encontro que terá lugar en Rubián e que estará dirixido ás familias do municipio. Trátase dunha iniciativa que busca fomentar a implicación de todas as persoas nos coidados cotiáns, superando a idea de que esta tarefa se limita a unha función de axuda.
O obxectivo é promover unha reflexión colectiva sobre a corresponsabilidade no fogar, abordando de maneira práctica e participativa os roles de xénero e a necesidade de avanzar cara a un reparto equilibrado das tarefas.
A sesión contará con dinámicas específicas, entre elas Quen coida aquí? Isto tamén vai contigo, coa finalidade de abrir un espazo de diálogo interxeracional no que participarán persoas adultas, nenas, nenos e adolescentes. A través destas propostas pretende crearse unha toma de conciencia sobre como os homes poden estar máis presentes nos coidados, así como sobre a importancia de que cada membro da familia asuma a súa parte de responsabilidade.
A condución da actividade participativa correrá a cargo da educadora social Paula Santos, quen será a encargada de guiar as reflexións e facilitar o intercambio de experiencias entre os asistentes. A metodoloxía proposta combina conversación, dinámicas grupais e exemplos prácticos, cun enfoque que busca romper hábitos asentados e contribuír á construción dunha igualdade real desde o ámbito doméstico.
Ademais do encontro previsto en Rubián, o programa terá continuidade noutros puntos da comarca: o sábado 13 desenvolverase unha nova sesión en Guntín e o sábado 20 será a quenda da Raíña. En todos os casos, a participación é de carácter gratuíto e está aberta a calquera persoa interesada, sen necesidade de inscrición previa.
Con esta proposta, o Concello de Bóveda impulsa un proxecto que procura situar a corresponsabilidade no centro do debate social, reforzando o compromiso co benestar das familias e ofrecendo espazos de reflexión e aprendizaxe compartida.•





