Entrevista a Carlos Julio González

O de Quiroga comezou a súa andaina no mundo da comunicación cun pequeno blog e agora traballa como xornalista na Radio Galega

Carlos Julio González, un mozo de Quiroga que comezou a súa andaina no mundo da comunicación cun pequeno blog chamado Diario de Quiroga. (Foto Cedida).

A sociedade contemporánea está inmersa nunha paradoxa singular. A pesar dos numerosos avances en cuestións sociais e culturais, e coa experiencia da memoria documentada como testemuña do pasado, está a xurdir un marco de polarización que non se corresponde cos principios fundamentais de liberdade e apertura ideolóxica. A escala de grises queda relegada en favor do fanatismo e da banalidade, e a neutralidade transformouse nunha especie de limbo sen espazo mediático. Cada vez aparecen máis predicadores da súa verdade persoal, axitadores movidos por unha fe cegada polo impulso, que exclúen a dúbida como premisa principal da propia fe. Neste ecosistema hostil, a figura do xornalista cobra máis que nunca un papel crucial no equilibrio entre a verdade e a desinformación, entre a obxectividade e a mera especulación, pois a función do xornalista non radica nun propósito didáctico-moral, senón na divulgación da realidade, sen adulteración nin ornamentacións. Desde o xornal EnComún Crónica do Sur de Lugo, tivemos a oportunidade de entrevistar a Carlos Julio González, un mozo de Quiroga que comezou a súa andaina no mundo da comunicación cun pequeno blog chamado Diario de Quiroga, que co paso dos anos se lle foi das mans (no bo sentido), e consolidouse como un dos medios dixitais máis interesantes da zona durante seis anos e medio. O ano pasado, Carlos decidiu emprender un novo camiño, e deu por finalizada esta apaixonante aventura que lle axudou a medrar e madurar como xornalista. Actualmente, traballa no programa das mañás “Galicia por diante”, pero a súa historia, valente e substancial, non pode pasar desapercibida, porque representa os valores radicais do bo facer xornalístico.

P: Quen é Carlos Julio González? Como te definirías como xornalista?
R: Unha pregunta dificilísima que nunca me plantexei, pero diría que son un rapaz curioso ao que lle encanta o seu traballo, o que fai que afronte todo con moitas ganas. Como xornalista, iso ten que dicilo quen me lea ou me escoite, pero sobre todo son curioso e trato de poñerlle ganas a todo o que fago.

P: O ano pasado pechaches unha etapa moi importante na túa vida como foi a do Diario de Quiroga, un blog que comezaches para entreterte e que se che acabou indo das mans, no bo sentido. Como iniciaches esa aventura? Con que te quedas de todos eses anos de experiencia?
R: Pois no instituto fixéramos un blog de deportes como traballo de clase, e a experiencia gustoume. Ademais, daquela non era como agora que hai un montón de medios dixitais que informan de Quiroga, aínda que tampouco había unha carencia total, pero vin que era unha forma de entreterme, creando un blog que, como xa dixen algunha vez, se me acabou indo das mans no bo sentido. O Diario de Quiroga empezou a medrar moito máis do que me tiña plantexado, e axudoume a aprender moitas cousas, porque me obrigaba a xestionar un medio (entre comiñas, nunca me gustou chamarlle medio) e tomábao da maneira máis profesional dentro das miñas limitacións, porque aínda non empezara a carreira sequera. Ao final, ese traballo diario, preparar artigos e entrevistas, coñecer a moita xente, ir tras as noticias e que logo contactasen contigo para que publicaras outras noticias… foi un proceso que me fixo medrar pouco a pouco e aprender diariamente. A parte mala disto tamén foi a parte boa, decateime de que tiña moito que aprender e fun aprendendo, así que digamos que non houbo ningún punto negativo, porque todos os erros que cometin servíronme para aprender.

P: Que papel cumpre o xornalista nun ecosistema actual de continuo fluxo de información e desinformación, e nun contexto polarizado?
R: O que vexo é que os medios que son dun lado son cada vez máis dese lado, e os do outro lado son cada vez máis do outro lado, un fenómeno que se produce porque a xente vai buscando que lle digan o que pensan, e é un tema que me preocupa. Cada vez a xente se enroca máis nos seus pensamentos porque parece que nos aterra escoitar opinións divergentes, e preocúpame porque cada vez se está tendendo máis a iso. Nese sentido, os xornalistas que tratan de gardar o equilibrio son a clave, e iso ás veces espanta ás persoas que están convencidas do seu, e que queren que lles digan o que pensan. A cuestión radica en ser un pouco máis abertos de mente, e saber gardar os equilibrios, unha capacidade cada vez máis complicada pero tamén necesaria.

P: Desde a túa experiencia cal é a clave para ser un bo xornalista?
R: Penso que a clave é irte do traballo moi tranquilo, sabendo que fixeches ben o que tiñas que facer. O traballo do xornalista leva o seu tempo, e hai certos temas que levan aínda máis tempo, porque quizais son ámbitos que non controlas e dos que tes que falar ou escribir. A clave é involucrarte con calquera tema, aínda que sexa algo que entendamos como secundario, e saír pola porta da oficina satisfeito co que fixeches.

P: Agora estás traballando na Radio Galega, pero a vida dá moitas voltas e imaxino que terás plans de futuro. Cóntanos un pouco sobre onde che gustaría verte de aquí a uns anos.
R: O Diario de Quiroga empeceino porque, dentro das posibilidades dun rapaz de instituto, era o formato máis cómodo, porque podía publicar unha noticia ou redactar un artigo desde calquera sitio, pero a min o que máis me gusta é a radio. Agora estou moi contento, estou traballando en “Galicia por diante”, o programa das mañás da Radio Galega, sae tamén algún tramo na Televisión Galega, pero o que teña que vir virá, tampouco me marco ningún obxectivo inmediato. Sempre se di que no xornalismo non hai futuro, que hai traballo, e todas as persoas achegadas a min da miña promoción están traballando nisto, todas. En todo caso, de momento estou moi contento traballando na Radio Galega, e se vén algún reto novo afrontareino con moito gusto.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Sarria acolle a campaña “Non camiñas soa” para previr violencias machistas no Camiño

Seguinte Nova

Monforte pechou unhas Festas Patronais cunha participación multitudinaria e sen incidencias

Últimas noticias sobre PORTADA

Entrevista a Xabier Quiroga

O escritor do Saviñao vén de publicar Alguén ao lado, una novela fundada na conxugación de sentimentos fundamentales e idiosincrasia galega Falamos
Ir aInicio

Don't Miss