
Monforte de Lemos converterase este domingo 7 de setembro nun dos epicentros da Vuelta a España 2025. A 15ª etapa da rolda ciclista, con saída en Vegadeo, discorrerá en gran parte pola provincia de Lugo ata concluír no corazón da Ribeira Sacra, tras 167 quilómetros de percorrido. O itinerario deixará atrás os altos asturianos da Garganta e Barbeitos antes de entrar en Galicia por A Fonsagrada. A partir de aí, a caravana atravesará Baleira, Castroverde, Láncara, A Pobra de San Xiao, Sarria, Oural e Bóveda, nun trazado de continuas subidas e baixadas que Fernando Escartín, director técnico da proba, definiu como “terreo moi duro durante todo o día”.
A chegada a Monforte producirase despois de dúas xornadas decisivas na montaña asturiana, con ascensións a L’Angliru e La Farrapona, que poden deixar marcada a xeral antes da cita lucense. Ata o peche desta edición, Jonas Vingegaard (Visma-Lease a Bike) mantén o maillot vermello tras unha 11ª etapa en Bilbao neutralizada a tres quilómetros da meta. Xunto a el, Tom Pidcock (Q36.5) destacou nos últimos ascensos, mentres que Mads Pedersen e Marc Soler foron protagonistas das fugas.
A etapa bilbaína, con sete portos puntuables, quedou sen vencedor oficial pola decisión da organización de tomar os tempos antes da chegada, logo de que protestas propalestinas fixesen imposible o paso pola meta. O conflito xerado pola presenza do equipo Israel-Premier Tech na carreira mantén aberta a incerteza sobre a seguridade do evento, tras varios incidentes desde a chegada da Vuelta a España. En calquera caso, todo parece indicar que a etapa do domingo 7 celebrarase con normalidade, conforme ao plan inicialmente previsto e co foco deportivo posto no desenlace deportivo da xornada.•




