Organiza visitas guiadas pola súa antiga xudería a cargo do investigador Felipe Aira, que terán lugar o domingo 7 de setembro dentro do Verán Cultural

O Concello de Monforte conmemorará o domingo 7 de setembro a Xornada Europea da Cultura Xudía cunha programación que inclúe dúas visitas guiadas á zona histórica vinculada á presenza hebrea na cidade. As rutas, que partirán da Oficina de Turismo (Rúa do Comercio, 6) ás 11:30 e ás 18:00 horas, estarán conducidas polo investigador monfortino Felipe Aira, terán unha duración aproximada dunha hora e media e serán de acceso gratuíto.
A actividade intégrase no programa do Verán Cultural impulsado polo Concello e pretende poñer en valor a pegada xudía que forma parte do patrimonio histórico e artístico local. Monforte de Lemos pertence á Asociación da Red de Juderías de España-Caminos de Sefarad, que agrupa a unha vintena de cidades e recoñece a relevancia do legado medieval vinculado á comunidade xudía.
Nesta edición, a temática proposta pola Red de Juderías para a Xornada Europea da Cultura Xudía leva por título “O pobo do libro”, lema promovido pola Asociación Europea para a Preservación e Promoción da Cultura e do Patrimonio Xudíos. A idea quere transmitir que cada persoa é un libro e que, en conxunto, conformamos unha biblioteca viva, destacando a importancia da narración, o estudo e o diálogo na preservación desta tradición cultural universal.•






