O fermosismo chega xa ao 95% dos concellos galegos a través das axudas autonómicas

A liña de financiamento para corrección de impactos paisaxísticos beneficiou preto de 3.000 solicitudes de concellos e particulares desde 2021

O fermosismo, entendido como a mellora estética e funcional da contorna construída, esténdese por Galicia a un ritmo constante. A través das liñas de apoio postas en marcha pola Administración autonómica no ano 2021, esta filosofía de intervención acadou xa 295 concellos, o que supón preto do 95% dos municipios galegos. Trátase dun programa que permite financiar actuacións de corrección de impactos paisaxísticos tanto en bens municipais como en propiedades privadas, cunha resposta crecente ano tras ano.
A idea central é sinxela: contribuír á conservación e posta en valor das paisaxes galegas a través de actuacións que melloren fachadas, cubertas, muros de peche ou elementos etnográficos. Deste xeito, estímase que non só se corrixen impactos visuais ou construtivos, senón que tamén se fomenta un maior benestar social e unha mellor percepción colectiva da contorna.
Entre 2021 e 2025 concedéronse 2.889 axudas, cun importe global de 11,6 millóns de euros. A mobilización de investimento total ascendeu a 16,5 millóns, tendo en conta a achega dos beneficiarios. O programa consolidouse como unha ferramenta de referencia dentro do Plan estratéxico da paisaxe 2021-2024, no que se definiron obxectivos como a protección, a potenciación e a mellora dos espazos, así como a sensibilización cidadá e a formación en materia de paisaxe.
A convocatoria deste ano 2025 contou con 55 achegas a concellos —que permitiron desenvolver 84 actuacións— e 348 axudas a particulares. A previsión é que o número continúe medrando, tendo en conta a demanda rexistrada en anteriores edicións.

A segunda liña diríxese tamén a fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos. Foto GPXG.

APOIOS A CONCELLOS DE MENOS 20.000 HABITANTES
Un dos piares do programa son as subvencións a pequenos municipios, que poden optar a dúas liñas diferenciadas. A primeira está dirixida á mellora exterior de edificios municipais vinculados á prestación de servizos, incluíndo renovación de fachadas, cubertas e muros perimetrais. A segunda céntrase en bens etnográficos de uso comunitario, como fontes, lavadoiros, hórreos ou palcos de música.
Cada concello pode recibir un máximo de 40.000 euros (20.000 por liña), cofinanciando así obras de conservación ou renovación que doutro xeito resultarían difíciles de asumir cos orzamentos municipais. A porcentaxe de financiamento é do 70% do custo subvencionable, o que permite cubrir unha parte significativa do gasto.
Este ano foron moitas as entidades locais que recorreron ao programa para mellorar equipamentos de uso público, co obxectivo de ofrecer á veciñanza uns espazos en mellor estado e integrados na paisaxe.

INTERVENCIÓNS EN PROPIEDADES PRIVADAS
A outra gran liña de apoio é a destinada a particulares, pensada para a corrección de impactos en inmobles de uso residencial. Os beneficiarios poden solicitar axudas de ata 3.000 euros, sempre cun límite do 70% sobre o custo da intervención.
As actuacións abranguen a mellora de fachadas con materiais máis acordes co entorno, a substitución de cubertas en mal estado ou realizadas con elementos considerados inadecuados —como placas de fibrocemento— e o acondicionamento de muros de peche que ata agora permanecían sen revestir. Desde 2024 incorporouse unha novidade: tamén é posible financiar a retirada de elementos adxacentes que provoquen un impacto negativo na imaxe do inmoble, como construcións auxiliares deterioradas.
O obxectivo, ademais de mellorar a estética, é sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da paisaxe como patrimonio compartido e fomentar a colaboración entre administracións e particulares.
A financiación das axudas procede integramente dos orzamentos autonómicos. Só na convocatoria actual destinouse 1 millón de euros, repartido entre as solicitudes aprobadas. A administración defende que esta aposta sostida está a permitir un cambio progresivo na imaxe de vilas, aldeas e espazos rurais, con beneficios tanto para a poboación local como para o atractivo turístico das zonas intervidas.
Os datos dos últimos cinco anos mostran unha evolución significativa: desde a primeira convocatoria en 2021, a resposta tivo un aumento continuado.

APOSTA POLO FERMOSISMO
A estratexia de corrección de impactos paisaxísticos encaixa na aposta polo fermosismo, concepto que busca reverter o feísmo arquitectónico e urbanístico mediante accións de mellora estética e integración na contorna. O termo, empregado con frecuencia nos últimos anos, converteuse nunha marca identificativa dun movemento social e institucional que pretende preservar a identidade paisaxística de Galicia sen renunciar á modernidade nin á funcionalidade das construcións.
Neste contexto, o Instituto de Estudos do Territorio (IET) xoga un papel clave como órgano encargado da xestión técnica das axudas e do seguimento das actuacións financiadas. O labor do IET abrangue desde a avaliación das solicitudes ata a supervisión dos proxectos, garantindo que as intervencións respecten os criterios de integración e coherencia cos valores paisaxísticos.
A paisaxe, ademais de ser un recurso ambiental e cultural, está cada vez máis ligada á calidade de vida e ao desenvolvemento local. Programas coma este buscan, en última instancia, que Galicia conserve a súa diversidade paisaxística e que os espazos construídos convivan en harmonía cos naturais, asegurando deste xeito unha imaxe máis coidada e unha contorna máis amable para as xeracións presentes e futuras. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Club de Xornalistas Galegos en Madrid promociona a Ribeira Sacra

Seguinte Nova

Pantón clausura o obradoiro de emprego tras nove meses de formación e melloras nos espazos públicos

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir aInicio

Don't Miss