
Galicia pechou o mes de agosto cun balance de 666 focos de lumes forestais que afectaron a 62 concellos e obrigaron á evacuación duns 400 veciños e ao confinamento doutros 2.200. O sur da provincia de Lugo converteuse nunha das zonas máis castigadas, con especial incidencia nos municipios de A Pobra do Brollón e Quiroga, onde se viviron os episodios máis graves da vaga.
Un dos incendios máis virulentos tivo a súa orixe o luns 25 en Abrence, no termo municipal de A Pobra do Brollón, e rapidamente avanzou cara a Quiroga, calcinando unhas 600 hectáreas en poucas horas. A proximidade ás vivendas de Conceado e San Pedro de Lor obrigou a decretar a Situación 2 de emerxencia. Sete núcleos permaneceron en alerta durante toda a noite, e varios veciños decidiron abandonar as súas casas por precaución. Finalmente, as lapas non chegaron ás vivendas e o lume desviouse de novo cara a montes pobrenses xa afectados por outro incendio hai catro anos.
Aos traballos de extinción incorporáronse cinco técnicos, 19 axentes, 23 brigadas, 28 motobombas, catro palas, catro helicópteros e dez avións, que non foron suficientes para conter de inmediato o avance das lapas. Paralelamente, en Outeiro, no límite con Folgoso do Courel, reactivouse outro foco pertencente ao gran incendio iniciado en Larouco, que durante a semana anterior queimara unhas 30.000 hectáreas, cun perímetro de 170 quilómetros, converténdose no maior rexistrado en Galicia nas últimas décadas.
A Pobra do Brollón viviu estes días ademais en xornada de loito polo falecemento repentino do tenente de alcalde, Ricardo Rodicio González, coincidindo coa chegada do lume ao municipio. A situación obrigou a cortar temporalmente a N-120 entre os quilómetros 497 e 503 e a LU-993, así como a interromper o tráfico ferroviario entre San Clodio-Quiroga e A Pobra do Brollón.
Na nosa comarca, outro dos focos de preocupación foi o incendio de Carballedo, na parroquia de A Cova, iniciado o xoves 28 e controlado o domingo. Neste caso, tamén se decretou a Situación 2 pola proximidade ás casas de Oleiros e Papelle, que finalmente non resultaron afectadas. Arderon unhas 100 hectáreas tras a mobilización de dous técnicos, 24 axentes, 44 brigadas, 33 motobombas, tres palas, cinco helicópteros e catro avións.
No conxunto do dispositivo, en Galicia, segundo a Xunta, participaron máis de 7.000 profesionais de diferentes administracións e organismos. Entre eles, uns 3.000 do servizo de prevención e extinción de incendios, máis de 200 bombeiros, integrantes de GES e Protección Civil, 343 efectivos das brigadas municipais, 122 axentes medioambientais, a Unidade de Policía Nacional Adscrita, así como membros da UME, do exército e das forzas e corpos de seguridade do Estado.
A colaboración institucional foi constante. O Consorcio Provincial de Bombeiros da Coruña enviou dous camións BNP con 8.000 litros de capacidade cada un, dous vehículos de mando e oito profesionais, que traballaron durante toda a noite en Quiroga antes de ser relevados por outro equipo. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, agradeceu a entrega dos efectivos despregados.
Pola súa parte, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, visitou ata en catro ocasións o posto de mando avanzado de Quiroga. Durante a última, anunciou o despregamento de 30 militares e nove medios da UME, ademais da chegada de dous novos helicópteros. Rodríguez destacou o esforzo conxunto dos dispositivos e recalcou o compromiso do Executivo central coa emerxencia en Galicia.
O presidente da Xunta de GAlicia, Alfonso Rueda, fixo balance ao peche da vaga de lumes e lembrou que a seguridade das persoas foi sempre a principal prioridade. Entre outras medidas, habilitáronse prazas en Ourense para evacuar usuarios de residencias e trasladáronse menores dun campamento próximo ás lapas. Rueda agradeceu o traballo dos profesionais e anunciou a posta en marcha inmediata de accións sobre os terreos queimados para paliar os efectos da erosión e das escorrentías. Mandos militares e técnicos autonómicos xa mantiveron encontros para organizar estas tarefas.
O conxunto de incendios deixou en Galicia milleiros de hectáreas arrasadas, cunha especial incidencia na comarca de Quiroga e A Pobra do Brollón. As choivas rexistradas a primeiros de setembro facilitaron finalmente a extinción e permitiron dar por controlados todos os focos.•





