Polémica polo convenio eólico asinado coas promotoras dos macroparques

O alcalde defende un acordo “legal e transparente” mentres BNG e Por Chantada-IGV denuncian opacidade e prexuízos para o concello. Foto GPCCH.

En xullo asinouse un convenio entre varios concellos de Ourense e Lugo, entre eles Chantada, e a compañía Driza Green Partners, vinculada a diferentes proxectos eólicos en tramitación. O acordo prevé que unha parte dos beneficios se destine a melloras locais en caso de execución dos parques, actualmente pendentes de autorización estatal.
Esta pasada semana o grupo municipal Por Chantada, integrado na plataforma Interior Galego Vivo (IGV), fixo público o contido do documento asinado polo alcalde o pasado 14 de maio coas empresas Tipuana Wind SL e Seyal Wind SL, promotoras dos proxectos Agratrina e Agromaces. IGV, que xa presentara alegacións contra os macroparques, considera que o convenio confirma as súas advertencias e supón unha cesión de intereses municipais ás compañías enerxéticas.
Entre os puntos máis cuestionados pola agrupación destacan a sinatura sen paso previo por Pleno nin comunicación á Xunta de Goberno, unha duración de 30 anos, a inclusión dunha cláusula de confidencialidade de 35 anos e unhas porcentaxes de beneficios consideradas “testemuñais”: 2,5 % nos primeiros cinco anos, 1,5 % ata o décimo e só 1 % até o trixésimo. Para IGV, estas condicións converten o pacto nun negocio favorable ás promotoras e nunha “hipoteca” para o concello. O grupo tamén acusa ao goberno local de ter gardado silencio cando o Ministerio solicitou informe sobre a súa posición, o que interpretan como un aval implícito ao proxecto. “O alcalde debe dimitir. Ou ben asinou por desleixo e incompetencia, ou terá que explicar as razóns para aceptar condicións tan lesivas para Chantada”, sosteñen desde IGV.
O Bloque Nacionalista Galego amosou tamén o seu rexeitamento ao acordo e denunciou a falta de transparencia no proceso. O responsábel local en Chantada e deputado autonómico Iago Suárez advertiu de que o proxecto coñecido como Peol-913 AC “ameaza os montes do municipio” e criticou que se asinasen convenios “de costas á veciñanza”. O tamén deputado Xosé Manuel Golpe, especialista en enerxía, engadiu que se trata dun conxunto de cinco parques que afectan a 19 concellos, e puxo o foco na estrutura societaria das promotoras, “empresas de recente creación con escaso capital social”. Para o BNG, a iniciativa responde a un modelo especulativo e opaco que pode hipotecar o futuro económico da comarca. Os nacionalistas anunciaron que presentarán iniciativas tanto no Parlamento galego como no Congreso para esixir información e transparencia.
Pola súa parte, o alcalde Manuel Lorenzo Varela defendeu a legalidade do procedemento e explicou que a sinatura non implica a autorización dos parques, que depende do Estado. O rexedor subliña que o obxectivo é garantir que, se os proxectos se executan, Chantada obteña beneficios sociais adicionais ademais dos ingresos fiscais. “O convenio é independente da tramitación administrativa dos parques. En caso de que se aproben, permitiría que Chantada recibise beneficios adicionais”, asegurou.
Varela insistiu en que a Alcaldía ten competencias para subscribir este tipo de convenios e negou que se fixese nada ás agachadas. “Non é un convenio para facer o parque, iso non depende do Concello. O que buscamos é que, se finalmente se constrúe, o pobo de Chantada poida percibir melloras”, afirmou.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Bóveda inicia o programa Familias Corresponsables cun encontro en Rubián

Seguinte Nova

O alcalde de Chantada destaca o éxito das Festas Patronais

Últimas noticias sobre PORTADA

Entrevista a Xabier Quiroga

O escritor do Saviñao vén de publicar Alguén ao lado, una novela fundada na conxugación de sentimentos fundamentales e idiosincrasia galega Falamos
Ir aInicio

Don't Miss