O Consello extraordinario aprobou medidas que cobren danos en fogares, negocios, explotacións agrogandeiras e forestais, ademais de compensacións ás persoas e ás entidades locais

A Xunta de Galicia aprobou nun Consello extraordinario un conxunto de medidas destinado a apoiar ás persoas, empresas e institucións afectadas pola vaga de incendios. O decreto abrangue desde a reconstrución de vivendas ata indemnizacións por perdas en explotacións agrogandeiras, forestais e negocios, así como achegas a concellos, tecores e compensacións por danos persoais.
No eido residencial, establécense axudas de ata 132.000 euros para rehabilitar, reconstruír ou substituír vivendas habituais arrasadas polo lume, así como 16.200 euros para repoñer enxoval doméstico. No caso das segundas residencias, a contía máxima será de 66.000 euros, con 5.400 euros adicionais para mobles. Quedan excluídas as casas abandonadas no momento dos lumes. Ademais, os afectados poderán beneficiarse do Bono alugueiro social e doutras medidas de realoxo temporal, co financiamento total da renda sempre que non se superen os límites municipais, e unha achega extra de 600 euros para transporte, mudanza ou gastos derivados do aloxamento provisional. O prazo para solicitar estas axudas remata o 28 de novembro.
As explotacións agrogandeiras e forestais dispoñerán de varias liñas de apoio que cobren o 100% do investimento ata un máximo de 200.000 euros por persoa. Inclúese a reparación ou substitución de maquinaria e equipamento, así como a compra de alimentación para gando e colmeas superviventes durante seis meses, cun tope de 15.000 euros. Tamén haberá indemnizacións pola perda de produción: 12.700 euros por hectárea de viñedo, 1,22 euros por quilo de castaña e compensacións específicas para forraxe e outros produtos segundo prezos de seguros agrarios. As baixas de gando recibirán compensacións segundo especie e idade, cun máximo de 1.600 euros por vaca de máis de 18 meses.
No ámbito forestal, a Xunta habilita catro liñas de apoio: ata 15.000 euros para reparar infraestruturas privadas como pistas ou captacións de auga; ata 50.000 euros para maquinaria danada; outros 50.000 para cubrir custos de madeira queimada ou traballos de cubicación; e ata 100.000 euros para plantacións substitutorias. O prazo de solicitude será dun mes.
As empresas tamén disporán de axudas directas que cobren ata o 100% dos danos en edificacións, instalacións, maquinaria ou vehículos, cun límite xeral de 600.000 euros por beneficiario. Nos casos de maior gravidade ou impacto socioeconómico, a contía poderá ampliarse ata 1,5 millóns de euros. Estas achegas, compatibles con outras indemnizacións, requiren manter a actividade polo menos un ano, ou tres no caso de superar os 600.000 euros. Ademais, convocarase unha liña específica para o sector turístico.
No relativo aos concellos, financiaranse gastos derivados dos incendios como reparación de infraestruturas, adquisición de material, limpeza ambiental, alugueiro ou mantemento de poboacións evacuadas. Como novidade respecto á orde de 2022, inclúense compensacións polos gastos asumidos polos veciños que colaboraron na extinción.
As entidades xestoras de espazos protexidos poderán optar a ata 20.000 euros por proxecto se son montes veciñais e ata 40.000 se son concellos, destinados á reposición de sendas, miradoiros, pasarelas ou áreas recreativas. Pola súa banda, os tecores recibirán ata 650 euros por hectárea sementada de cereais, cun límite de 30.000 euros, e ata 12.000 euros por solicitante para recuperar refuxios, bebedoiros, comedeiros ou cercados. Os beneficiarios poderán solicitar anticipos do 100% sen aval e deberán xustificar as actuacións antes do 30 de outubro de 2026.
No ámbito persoal, establécense indemnizacións de 87.500 euros en caso de falecemento ou incapacidade permanente absoluta, e de 120 euros por día de hospitalización para persoas feridas. O prazo para solicitalas será dun mes desde o falecemento, a declaración de incapacidade ou a alta hospitalaria.
Adicionalmente, a Xunta de Galicia habilitou alivios fiscais para cidadáns e empresas dos concellos afectados, ampliando prazos para obrigas tributarias, eximindo do pagamento do canon da auga e taxas autonómicas vinculadas a trámites derivados das perdas, e comprometéndose a instar ao Goberno central a aplicar reducións fiscais previstas pola declaración de zona catastrófica.
Con este paquete, o goberno pretende dar resposta inmediata aos danos ocasionados polos lumes, cun sistema de axudas que abarca dende o ámbito doméstico ata o empresarial, agrícola, forestal e municipal, e que se estenderá tamén á protección da poboación afectada.•





