
Adif ten en marcha unha nova intervención na liña convencional Monforte-Lugo-A Coruña que afecta ao municipio de Sarria. Trátase da eliminación de catro pasos a nivel localizados entre os puntos quilométricos 389/262 e 392/136, cun investimento de 819.717 euros con IVE. A actuación prevé o desmantelamento dos elementos existentes e a instalación de barreiras de contención, así como a construción dun paso inferior de formigón armado nas inmediacións do quilómetro 390/344. Ademais, abriranse camiños de enlace que conectarán cos pasos xa operativos. Esta medida súmase ás obras en execución para retirar outros 19 pasos no corredor Ourense-Monforte-Lugo, proxecto no que se mobilizan 626 millóns para mellorar trazado, electrificación e estacións.•





