Ataque con cócteles molotov ao futuro centro de menores migrantes en Monforte

O anuncio da Xunta sobre a apertura do recurso derivou en críticas institucionais e partidarias, e o atentado incendiario elevou a tensión e multiplicou as chamadas á responsabilidade. Foto EC.

Monforte converteuse no epicentro dunha controversia política e social logo do anuncio da Xunta de Galicia, o 13 de setembro, da creación do primeiro centro específico para menores estranxeiros na comunidade. A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, presentou o proxecto acompañada polo xerente de Prodeme, Julio Cortiñas. O centro, que se situará no edificio residencial Francisco Suárez, contará con 80 prazas e pretende dar resposta ao reparto impulsado polo Goberno central, que prevé trasladar 317 adolescentes migrantes a Galicia. García agradeceu a colaboración da entidade social e cualificou a medida estatal de imposición, denunciando que o traslado carece de financiamento suficiente e obrigará a investir arredor de 30 millóns de euros anuais. A conselleira advertiu de que se rompe o modelo galego de protección integrador, baseado en recursos de pequena escala como os pisos tutelados, e confirmou que a Xunta seguirá recorrendo o reparto ante a xustiza.
A reacción municipal non se fixo esperar. O 15 de setembro, o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, expresou a súa sorpresa pola visita da conselleira sen aviso previo ao Concello, cualificando o feito de falta de respecto institucional. Tomé subliñou que a decisión da localización corresponde á Xunta e non ao municipio, lembrando que o Estado fixa o reparto entre comunidades e que Galicia podía ter optado por situar o centro noutras cidades máis grandes. O rexedor destacou que Monforte é unha cidade aberta e acolledora, pero recalcou que o Concello non foi consultado e que a integración social e laboral destas persoas corresponde á administración autonómica.
Na mesma xornada, o portavoz do Grupo Popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, replicou a Tomé lembrando que o reparto é unha imposición do Goberno de Pedro Sánchez e que o PSOE e o BNG apoiaron a medida no Congreso. Ameijide afirmou que, se o alcalde e presidente da Deputación non está de acordo, debe pedirlle directamente a Sánchez que corrixa o reparto. O dirixente popular insistiu en que, unha vez establecida a distribución, todas as administracións deben implicarse na integración dos menores e puxo en valor a colaboración de Prodeme para acoller os adolescentes en Monforte.

ATAQUE CON CÓCTELES MOLOTOV
O conflito institucional deu paso a un episodio de maior gravidade a madrugada do 20 de setembro, cando o edificio destinado ao centro sufriu un ataque con cócteles molotov. Segundo a Policía Nacional, dous artefactos incendiarios foron lanzados contra o inmoble: un deles entrou por unha ventá forzada e explotou no comedor da planta baixa, provocando un incendio que destruíu parte da estancia e danou a instalación eléctrica, cortinas e materiais sintéticos. O fume espallouse polo edificio, aínda que os danos quedaron concentrados no comedor. O segundo artefacto quedou fóra sen estourar. O suceso ocorreu apenas unha semana despois do anuncio oficial e motivou un amplo despregamento de bombeiros e axentes policiais. A Policía Científica recolleu probas e analiza tanto as imaxes das cámaras de seguridade, nas que aparecen varias persoas, como mensaxes en redes sociais que incitaban á violencia contra o centro.

REACCIÓNS POLÍTICAS E INSTITUCIONAIS
O alcalde de Monforte condenou con firmeza o ataque, que cualificou de atentado, e convocou unha xunta de voceiros municipais que fixo un rexeitamento unánime. Tomé visitou o edificio pola mañá, expresou o apoio do Concello ao xerente de Prodeme e ofreceu a colaboración da Policía Local á investigación da Policía Nacional. A conselleira Fabiola García tamén censurou o ocorrido, pediu prudencia para non entorpecer as pescudas e advertiu de que a Xunta non aceptará “chantaxes de violentos”, confirmando que o centro seguirá adiante.
As reaccións políticas sucedéronse. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu en Pontevedra contra o “discurso do odio” e vinculou este tipo de delitos á propagación de mensaxes ultras. Reclamou responsabilidade a toda a sociedade e confianza na investigación policial para identificar os autores. Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de trasladar a Galicia un discurso de crispación e racismo semellante ao da extrema dereita madrileña, e responsabilizouno de contribuír a un clima que desembocou no ataque. Pontón criticou a utilización dos menores como elemento de confrontación política e denunciou que a Xunta anunciase publicamente a localización do centro, o que considera unha quebra da confidencialidade e da protección destes adolescentes.

INTERVENCIÓN DE VOX
A polémica ampliouse coa intervención de Vox. O 23 de setembro, a portavoz nacional de Axenda España e deputada na Asemblea de Madrid, Isabel Pérez Moñino, visitou Monforte para expresar o rexeitamento do partido á instalación do centro. Acompañada polos responsables provinciais de Vox en Galicia, criticou ao PP por pactar co PSOE e acusouno de escoller “inseguridade” para os veciños e asegurou que experiencias semellantes noutros puntos de España xeraron problemas de delincuencia e pediu que quen defende a chegada dos menores os acolla nas súas casas. Preguntada polo ataque ao edificio, non condenou expresamente o feito e culpou ás decisións do bipartidismo de xerar estas situacións.
A visita estivo marcada por fortes medidas de seguridade e pola protesta convocada por Galiza Nova baixo o lema “Fascismo fóra de Monforte”. Decenas de manifestantes corearon consignas antifascistas e increparon á comitiva de Vox, producíndose momentos de tensión cando unha simpatizante do partido se enfrontou aos concentrados. As declaracións de Pérez Moñino tiveron lugar entre berros de “fascistas” e “non os queremos”, mentres a Policía Local e Nacional vixiaba para evitar incidentes maiores.
Dende o anuncio inicial ata o ataque e as reaccións posteriores, o debate sobre o centro de menores migrantes de Monforte revelou unha forte división política e social. A investigación policial continúa aberta para identificar os autores do atentado, mentres as institucións manteñen o pulso sobre a xestión da chegada dos adolescentes e sobre a responsabilidade na escalada de tensión arredor do proxecto.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Setembro en Monforte: mobilizacións e solidariedade co pobo palestino

Seguinte Nova

Luces e sombras para o Club Lemos

Últimas noticias sobre PORTADA

Entrevista a Pili Chaos

Fotógrafa e curiosa por natureza, Pili Chaos inaugura o vindeiro 1 de abril a súa exposición «Emoción en clave», que aborda a
Ir aInicio

Don't Miss