
A SD Sarriana arrincou unha tempada histórica, competindo por primeira vez na Segunda Federación, e fíxoo con boas sensacións, pois o equipo dirixido por Iván Carril, que se estrea no banco da Ribela, foi capaz de gañar con solvencia no seu primeiro partido xogado en casa co Lealtad, por dous goles a cero, e perder pola mínima naa súas visitas a domicilio ante equipos que están chamados a ocupar postos altos na clasificación a final de tempada. Perdeu 3-2 co Vetusta, filial do Real Oviedo, nun partido no que os sarriáns pagaron a novatada, e perdían 3-0 nos primeiros 65 minutos, mostrándose moi inferiores aos carbayones. Con todo xa mostrou o equipo capacidade de reacción, pois neses 25 minutos finais conseguiu marcar dous goles e apertar ata o último minuto en busca do empate. E na pasada xornada, en Segovia, frente a un dos claros favoritos ao ascenso como a Ximnástica Segoviana, os de Sarria xogaron unha primeira parte fantástica, na que mereceron irse ao descanso con vantaxe, xa que levaron a iniciativa en todo momento, cunha brillante saída de balón, que lles permitía conectar cos seus xogadores máis perigosos en ataque. O aviso máis importante chegou a través de William, que tras un contraataque rapidísimo conectaba un disparo que Carmona, o porteiro local, despexou a córner. E a última antes do descanso, outra contra na que os galegos se plantaban en área rival en superioridade e Tenas despexaba a córner cando William dispoñíase a rematar a pracer. A segunda parte, cos cambios, a Ximnástica botouse encima da portería defendida por Fernando, pero este tivo varias intervencións de mérito, aínda que non puido impedir no minuto 84 o taconazo de Manchón á red para os segovianos. Esta fin de semana visita A Ribela o equipo cántabro da Unión Deportiva Sámano, un equipo a priori dos chamados asequible para os de Iván Carril. Por outra banda, o concello de Sarria sacou xa a licitación as obras de mellora do Campo da Ribela, e espérase que se poidan executar no parón do Nadal.•




