
Foto GPCCH.
A Praza Luis García Arias, situada na zona alta de Chantada, está a ser obxecto dunha remodelación que cambiará a súa fisonomía antes de finais de outubro. A intervención busca reducir o impacto dos muros de formigón e crear espazos de lecer e encontro veciñal.
Os traballos, iniciados este mes, dispoñen dun orzamento global de 75.000 euros, dos que 40.000 proceden dunha subvención autonómica e o resto de fondos municipais. As obras céntranse en rebaixar os muros existentes, levantar novos muretes de contención e habilitar superficies axardinadas.
O deseño conserva a estrutura en plataformas pero introduce novos usos. Na cota máis baixa proxéctase un parque infantil adaptado, mentres que nas superiores se distribuirán zonas de céspede con arborado e bancos. A reforma inclúe a retirada de adoquíns e soleiras, así como a eliminación dunha parte das escaleiras para mellorar a accesibilidade.
O concello sinala que a actuación ten un prazo de execución de dous meses, polo que se prevé que a veciñanza poida utilizar a nova praza a partir de novembro.•





