
A pasada semana clausurouse en Chantada o obradoiro dual de emprego Serra do Faro IX, desenvolvido durante o último ano en colaboración cos concellos de Carballedo e Taboada. No acto de entrega de diplomas participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, o alcalde de Carballedo, Julio Yebra, e o de Taboada, Roi Rigueira, ademais do concelleiro chantadino de obradoiros, Diego Otero.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou 412.000 euros a financiar esta iniciativa, na que unha vintena de persoas recibiron formación teórica e práctica en tres especialidades: instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións.
En Chantada acondicionáronse miradoiros no paseo fluvial, creáronse novas áreas axardinadas na rúa do Comercio e no barrio de Marín, mellorouse a accesibilidade no parque Eloísa Rivadulla e prestouse apoio sociosanitario no Fogar residencial e no centro de día da Barrela. En Carballedo, o alumnado rehabilitou a casa reitoral de Santa Cristina de Asma e realizou tarefas de mantemento en zonas verdes dos núcleos de Castro e A Barrela. En Taboada, interviñeron nun vial do núcleo de Pacios e remodelaron integralmente dúas glorietas, ao tempo que mantiveron espazos axardinados da capitalidade municipal.
O obradoiro ofreceu a modalidade dual, que inclúe incentivos para a contratación en empresas a xornada completa.
Os participantes obtiveron certificados de profesionalidade en especialidades cunha elevada demanda no mercado laboral. O alcalde de Chantada subliñou que estes programas permiten mellorar infraestruturas locais ao tempo que se incrementan as oportunidades de inserción laboral.•





