HMD Timber anuncia o proxecto para unha planta no Porto Seco de Monforte cun investimento de 29,5 millóns de euros

A empresa prevé xerar 34 empregos directos e máis de 500 indirectos na explotación forestal, cun proxecto baseado na economía circular

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca e o representante de HMD Timber na presentación do proxecto para construír en Monforte unha planta de serradoiro, fabricación de envases e embalaxes e comercio de madeira e os seus derivados, entre outros produtos. Foto GPCM.

O Concello de Monforte acolleu o pasado luns a presentación oficial do proxecto de implantación de HMD Timber na Área Loxística e Intermodal do Porto Seco. O anuncio foi realizado polo alcalde, José Tomé Roca, acompañado polo representante da compañía, Manuel Díaz Pavón.
A iniciativa contempla a construción dunha planta de serradoiro, fabricación de envases e embalaxes, ademais de comercio de madeira e derivados, nunha superficie total de 90.957 metros cadrados.
A empresa, de carácter familiar e con sede social en Monforte, conta con experiencia no sector forestal e formula un proxecto que busca consolidar presenza tanto no mercado nacional como no internacional. Segundo avanzou o rexedor, a firma apostará pola economía circular e a eficiencia enerxética, transformando o piñeiro das especies pinaster e radiata, moi presentes en Galicia, en táboas serradas, palets e outros produtos.
A operación foi posible tras os contactos iniciais de HMD Timber con Xestur e o IGAPE, así como a remisión ao Concello dun informe de viabilidade urbanística solicitado pola Secretaría Xeral de Industria. Posteriormente, o 15 de setembro, a Xunta de Goberno local autorizou o traslado de información urbanística á empresa sobre catro parcelas situadas na Mazá C do Porto Seco, destinadas a edificación illada.
O proxecto contempla unha inversión total de 29,5 millóns de euros, dos que 16 millóns corresponden a fondos propios da empresa. A previsión é que a futura planta xere 34 empregos directos e máis de 500 indirectos relacionados coas tarefas de corta e transporte de madeira en diferentes puntos do territorio. Para garantir actividade a longo prazo, HMD Timber asinou xa acordos de subministración de 200.000 toneladas métricas anuais de madeira durante quince anos con compañías galegas como Maderas Vilapol S.A. e Maderera de Cospeito S.L., ademais de contar co apoio de produtores locais.
A dispoñibilidade da plataforma ferroviaria do Porto Seco constitúe un dos principais atractivos para a empresa. Segundo destacou o alcalde, a situación permitirá cargar directamente os produtos finais en tren e envialos a portos galegos ou outros destinos, reducindo custos e favorecendo un transporte sostible e menos contaminante.
O proxecto incorpora ademais certificacións de xestión forestal sostible e de custodia, que garanten a trazabilidade da madeira empregada.
Outro elemento que inflúe na elección de Monforte é a condición de “Concello Emprendedor”, que supón beneficios fiscais e bonificacións na adquisición de terreos para aquelas empresas que decidan instalarse no municipio. O rexedor lembrou tamén os avances acadados nos últimos anos na ampliación e modernización do Polígono do Reboredo, que serven de referencia para a estratexia de atraer actividade ao Porto Seco.
Na súa intervención, Manuel Díaz Pavón puxo en valor a traxectoria de HMD Timber e a importancia dunha xestión sostible do monte, incidindo no papel que esta práctica pode desempeñar na prevención de incendios forestais. Tamén avanzou que o proxecto está á espera da declaración de Proxecto Empresarial Estratéxico por parte da Xunta de Galicia, un paso necesario para comezar a súa execución.
A previsión inicial é que as obras de construción da planta dean comezo na primavera de 2026.
O proxecto presentado busca aproveitar de forma integral a madeira e modernizar a cadea de transformación forestal en Galicia, ligando a actividade produtiva coa loxística ferroviaria e co mercado internacional.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Sin ir más lejos

Seguinte Nova

Ribeira Sacra Next celebra eleccións para renovar a súa Xunta Directiva

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

CENTRO DE FORMACIÓN AUDIOVISUAL

Publicidade O Centro de Formación Audiovisual do SdeA da Deputación de Lugo imparte formación regrada e non regrada relacionada co eido audiovisual
Ir aInicio

Don't Miss