
O programa Descubrir Quiroga foi un dos protagonistas da sexta edición dos premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia de Lugo, fallados no Pazo de San Marcos nunha sesión presidida pola vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo, Pilar García Porto. A iniciativa, impulsada polo Concello de Quiroga, busca dinamizar o turismo rural e de natureza na Ribeira Sacra a través de actividades como roteiros, barranquismo, piragüismo, visitas a museos, parapente ou percorridos polo Camiño de Inverno.
Na mesma categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense tamén foron recoñecidas a Queima das fachas de Taboada, festa tradicional con lume, e a Foliada da Fonsagrada, encontro cultural e gastronómico da montaña. Outros galardóns recaeron na Feira do Queixo do Cebreiro e na Feira da Tenreira de Láncara, así como no proxecto Camiño cara a sostibilidade turística da Mariña Lucense. O Hotel Mogay de Chantada recibiu un accésit polo seu labor de modernización sostible.•





