As protestas durante a Vuelta e os actos institucionais do Concello fixeron visible o apoio á causa palestina ao longo do mes

Monforte de Lemos viviu un setembro marcado pola solidariedade co pobo palestino. As mobilizacións cidadás, que acadaron especial repercusión durante a etapa da Vuelta a España que finalizou na cidade, sumáronse a declaracións e actos institucionais que puxeron de relevo o compromiso municipal e social cunha causa que xerou forte presenza no rueiro e tamén debate político.
O paso da Vuelta a España por terras lucenses converteuse nun dos momentos de maior visibilidade das protestas en apoio a Palestina. O domingo 14 de setembro, cando restaban 56 quilómetros para a chegada a Monforte, produciuse un incidente que alterou a normalidade deportiva da etapa. Un manifestante portando unha bandeira palestina tentou atravesar a estrada ao paso da escapada do día. Sen chegar a bloquear a carreira, tropezou na manobra, o que provocou que o ciclista español Javier Romo, ao mirar cara atrás, perdese o control da bicicleta e caese ao chan. O corredor incorporouse axiña, mais o suceso puxo de manifesto a presenza e intensidade das mobilizacións que acompañaron o percorrido.
As protestas non se limitaron a este feito illado. Ao longo do itinerario da etapa houbo concentracións e manifestacións propalestinas, dirixidas contra a participación do equipo Israel Premier-Tech e en demanda de apoio explícito á causa palestina. Segundo os datos policiais, a xornada rematou coa detención de dez persoas acusadas de desordes públicas con risco para a integridade das persoas. Oito delas foron arrestadas no municipio de O Corgo e outras dúas en Monforte de Lemos.
Entre as persoas detidas destacou o nome de Rosana Prieto, concelleira do Bloque Nacionalista Galego en Pantón. A súa presenza entre os arrestados provocou unha forte reacción política. O BNG denunciou o que cualificou como “represión desproporcionada” por parte das forzas de seguridade do Estado, asegurando que houbo cargas policiais, porrazos e identificacións a manifestantes que portaban bandeiras palestinas e galegas. A formación nacionalista reclamou a inmediata posta en liberdade dos detidos, a apertura dunha investigación e a depuración de responsabilidades na cadea de mando.
Desde a organización destacouse que as protestas tiveron carácter pacífico e que a resposta policial resultou excesiva. Nun comunicado difundido o 8 de setembro, o BNG local expresaba “orgullo pola solidariedade e a dignidade demostrada pola veciñanza” e afirmaba que nin a represión nin a censura conseguirían calar a voz dun pobo que se expresaba contra “o lavado de cara do xenocidio”.
As mobilizacións continuaron nos días seguintes cunha nova concentración na Praza de España de Monforte en apoio a Palestina, convocada á raíz dos incidentes da Vuelta. Paralelamente ás mobilizacións cidadás, o ámbito institucional tamén fixo súa esta cuestión. O venres 19 de setembro, o Concello de Monforte sumouse á convocatoria lanzada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e celebrou unha concentración diante da Casa Consistorial. No acto, que contou coa participación da Tenente de Alcalde, Gloria Prada, outros membros da corporación e persoal da administración local, gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas do conflito en Gaza.
Na declaración institucional feita pública con motivo da concentración, o Concello expresou a súa repulsa fronte ao antisemitismo e a islamofobia, e reafirmou o seu compromiso co respecto ás distintas comunidades, culturas e relixións. Do mesmo xeito, manifestou a súa solidariedade con todas as persoas desprazadas, feridas ou falecidas a consecuencia da violencia en Gaza.
A intensidade dos acontecementos vividos en Monforte reflectiu un contexto no que a Vuelta a España deixou de ser exclusivamente unha competición deportiva para se converter nun escenario de reivindicación política e social.•




