
Quiroga acolleu o mércores, 24 de setembro, unha xornada informativa sobre o programa de axudas á gandería extensiva “O que non arde”, organizada pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación. Na Casa da Cultura, técnicos da Deputación explicaron aos gandeiros os requisitos, documentación e condicións necesarias para acceder ás subvencións. A convocatoria, aberta ata o 29 de setembro, está dirixida a explotacións de cabalar, ovino, caprino e porcino, co obxectivo de apoiar investimentos relacionados co manexo e a alimentación do gando en extensivo. Durante o encontro tamén se ofreceron instrucións sobre o envío das solicitudes e a consulta das bases e formularios dispoñibles na web da Deputación.•





