
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou o mércores 8 de outubro as instalacións da empresa Ramiro Vila S.L. en Monforte de Lemos, onde puxo en valor a contribución do programa Leader ao desenvolvemento económico do rural galego. Acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, destacou o impacto destas axudas na modernización e competitividade das empresas locais.
EQUIPO ROBOTIZABLE
A compañía monfortina, dedicada á fabricación de maquinaria, recibiu en 2024 unha achega superior aos 75.000 euros a través do Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-O Courel. O investimento permitiulle incorporar un equipo robotizable programable que mellora a produtividade e reduce custos de produción. A conselleira subliñou que esta actuación exemplifica a aposta pola innovación e pola tecnoloxía desde o ámbito rural, nunha empresa que conta con 40 traballadores e produce máis dun milleiro de máquinas cada ano.
Gómez advertiu que o futuro do programa Leader podería verse afectado pola proposta da Unión Europea para a nova PAC 2028-2034, que modifica o actual sistema de dous piares e dous fondos diferenciados. Lembrou que estes recursos son “esenciais” para fixar poboación e crear emprego no rural galego.
Ademais, indicou que a convocatoria de 2025 destina 12,6 millóns de euros e recibiu 600 solicitudes. Desde 2014, estas axudas permitiron crear 1.100 empregos e consolidar máis de 4.000 proxectos en Galicia.•





