
O Partido Popular de Ribas de Sil instou ao alcalde a actuar para garantir a recuperación do servizo de Correos no municipio, vacante desde o pasado mes de xuño. A portavoz popular, Sandra Macía, advertiu de que a falta de carteiro está a provocar atrasos reiterados na entrega de correspondencia e paquetes aos veciños. O grupo municipal rexistrou unha proposta para o seu debate en Pleno na que demanda que o alcalde solicite ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e ao presidente de Correos a reposición inmediata da praza. Ademais, piden que se informe ao delegado do Goberno en Galicia da situación e se adopten medidas que garantan a normalidade na prestación deste servizo básico. Macía subliñou que Ribas de Sil non pode continuar perdendo servizos esenciais e pediu a colaboración de todos os grupos municipais.•





