
Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Xeodiversidade, o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel é escenario das XLII Xornadas Científicas da Sociedad Española de Espeleología y Ciencias del Karst (SEDECK), baixo o título “Cuevas y karst en Galicia: Geoparque Mundial de la UNESCO Montañas do Courel”. As actividades comezaron o venres cunha visita ao centro de interpretación da minería aurífera de San Clodio e continúan esta fin de semana na Casa da Cultura de Quiroga. Na inauguración participaron o concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Luis Manuel Arias; o presidente do Xeoparque, Roberto Castro; e o presidente da SEDECK, Policarp Garay, quen destacou que é a primeira vez que este encontro se celebra en Galicia. As intervencións científicas inclúen achegas da paleontóloga Aurora Grandal sobre os osos cavernarios, de Arturo de Lombera sobre os Neandertais da cova Eirós, e do biólogo Roberto Hermida sobre os morcegos galegos. Tamén abórdanse estudos sobre o pseudokarst e o paleokarst do Val das Mouras. O domingo realizarase unha saída de campo ás covas do Ceza e Meiraos. O programa de outono do Xeoparque continuará con xeorrutas, encontros e coa XXXVI Festa da Castaña do Courel o 8 de novembro.•





