A FP medra con forza no sur de Lugo, cun 8% máis de alumnado este curso

O conselleiro de Educación destacou en Monforte o avance das ensinanzas técnicas e anunciou a ampliación do IES A Pinguela para responder á crecente demanda

A área educativa que abrangue Lemos, Chantada e Quiroga consolidouse este curso 2025-2026 como o principal foco de crecemento da Formación Profesional en Galicia. Con 846 persoas matriculadas, o incremento do alumnado ascendeu ao 8,18% respecto ao ano anterior, unha cifra que supera amplamente a media galega. Así o destacou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante a súa visita aos institutos IES A Pinguela e IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos.
O titular de Educación subliñou que o modelo galego de FP segue a reforzarse cun enfoque “moderno, innovador e adaptado ás necesidades de cada territorio”. En conxunto, Galicia suma este curso 71.229 estudantes nestas ensinanzas, un 3,5% máis que en 2024. Na provincia de Lugo a cifra ronda as 7.300 matrículas, o que supón un incremento do 4%, mentres que a zona sur, encabezada por Monforte, é a que experimenta unha evolución máis destacada.

«Unha Formación profesional moderna e innovadora, pegada aos intereses e demandas de cada territorio”


O crecemento está vinculado, en boa medida, á implantación de novos itinerarios formativos de alta especialización. No IES A Pinguela destaca o ciclo de grao medio en Confección de moda, así como a oferta parcial en Calzado e complementos de moda. Tamén se imparten estudos de Sistemas de telecomunicacións e informáticos e unha oferta parcial en Sistemas electrónicos e automatizados. Pola súa banda, o IES Daviña Rey consolidou os seus másteres de grao superior en Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da operación e en Sistemas de sinalización e telecomunicacións ferroviarias, dous programas con alta demanda e proxección laboral.
Segundo Román Rodríguez, estes resultados reflicten a estratexia da Xunta para potenciar a FP como “piar esencial do tecido produtivo galego”, mediante a incorporación de modalidades máis prácticas e tecnoloxicamente avanzadas. O conselleiro incidiu en que o obxectivo é “favorecer a empregabilidade xuvenil e reforzar a conexión entre centros educativos e empresas do entorno”.
Durante a visita, anunciou tamén que a Consellería redactará o próximo ano o proxecto de ampliación do IES A Pinguela, co propósito de dotar o centro de novas instalacións adaptadas ao crecemento da súa oferta formativa.
Esta actuación completarase con outras intervencións realizadas recentemente en Monforte, como a rehabilitación integral do IES Francisco Daviña Rey, na que se investiron 1,4 millóns de euros.
O conselleiro Román Rodríguez, explicou que a intención é que os centros educativos do sur de Lugo se convertan nun referente de innovación e cualificación profesional.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Entrevista a Severino Rodríguez

Seguinte Nova

A Fundación Barrié impulsa a sexta edición das bolsas de investigación para universitarios galegos

Últimas noticias sobre EDUCACIÓN

CENTRO DE FORMACIÓN AUDIOVISUAL

Publicidade O Centro de Formación Audiovisual do SdeA da Deputación de Lugo imparte formación regrada e non regrada relacionada co eido audiovisual
Ir aInicio

Don't Miss