
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou unha serie de medidas para reforzar a Estratexia contra a soidade non desexada, un documento aprobado polo Consello da Xunta e que busca dar resposta a un dos retos sociais máis relevantes derivados do aumento da esperanza de vida. O plan, dotado con máis de 145 millóns de euros, contempla accións xa en marcha e outras innovadoras, estruturadas arredor de catro eixos: detección, sensibilización, prevención e intervención.
Dende a Xunta de Galicia, explican que o primeiro dos ámbitos de actuación, a detección, ten como primeira prioridade a creación dun sistema de alarmas que permita identificar casos concretos de soidade. Nese sentido, prevese a elaboración dun protocolo específico e dun censo de persoas en situación de vulnerabilidade. Tamén se incorpora o Servizo de Axuda no Fogar como ferramenta para activar recursos, coa colaboración dos servizos sociais municipais e dos profesionais de atención primaria.
Unha das medidas máis salientables neste eixo é a creación de redes de apoio local e comunitario que estarán integradas por pequenos comercios, bares, cafeterías, farmacias, carteiros, centros parroquiais ou asociacións veciñais, que contarán cun distintivo e alertarán sobre sinais de alarma detectadas en persoas maiores. Cada rede terá unha figura de coordinación en contacto directo cos servizos sociais.
No eido da sensibilización, a Estratexia contra a soidade no desexada, prevé campañas de información e concienciación, programas de formación dirixidos ao profesorado e alumnado e o recoñecemento público a persoas e entidades que traballan contra a soidade non desexada.
As medidas de prevención inclúen a promoción de actividades interxeracionais, un programa de rutas culturais e viaxes para persoas maiores, a continuidade dos proxectos de acompañamento dixital para maiores de 65 anos, así como a consolidación e ampliación do Carné +65, co obxectivo de reducir a fenda tecnolóxica e favorecer a participación social.
En canto á intervención, o plan recolle actuacións orientadas ao apoio directo e ao acompañamento. Entre elas destacan o fomento de vivendas compartidas baixo fórmulas de cohousing ou coliving, programas específicos de voluntariado, a creación de coordinadores en barrios e parroquias, a colaboración con protectoras de animais para favorecer a adopción e o coidado de mascotas como compañía e a organización de cafés grupais.
A Xunta de Galicia destaca tamén que unha das iniciativas máis inmediatas é a posta en marcha dun servizo multicanal de atención. Este recurso non só recibe chamadas, senón que realiza un seguimento dos casos detectados. Xestionado en colaboración coa Cruz Vermella, dispón de puntos presenciais de atención e complementa o control da teleasistencia avanzada, facendo un seguimento dos hábitos de vida das persoas usuarias. O servizo iniciarase cun proxecto piloto que dá cobertura a mil maiores de 65 anos.
A aprobación da Estratexia supón un avance significativo no deseño de políticas públicas para facer fronte á soidade non desexada, apostando por medidas de detección temperá, apoio comunitario e acompañamento persoalizado que permitan reducir o illamento social e garantir unha mellor calidade de vida ás persoas maiores.•
Unha central multicanal para loitar contra a soidade non desexada

A Xunta xa ten en marcha a nova central multicanal de atención contra a soidade non desexada, unha das medidas máis destacadas da Estratexia galega para facer fronte a este fenómeno social en crecemento. O obxectivo é ofrecer apoio e acompañamento ás arredor de 170.000 persoas que, segundo estimacións, se atopan en Galicia en risco ou xa en situación de soidade non desexada.
O servizo, que conta cun investimento de 600.000 euros procedentes dos fondos europeos MRR, articúlase arredor de tres eixes principais. O primeiro é unha liña telefónica gratuíta atendida por profesionais da Cruz Vermella, dispoñible no número 900 830 831, de luns a venres . O segundo eixe é un proxecto piloto dirixido a 1.000 persoas maiores de 65 anos que recibirán seguimento e acompañamento personalizados para avaliar as súas necesidades e previr situacións de illamento. O terceiro céntrase na creación de puntos presenciais de atención en oficinas da Cruz Vermella distribuídas por todo o territorio galego, para garantir que calquera persoa, viva onde viva, poida acceder ao servizo.
A soidade non desexada afecta de maneira especial á poboación maior, mais non é exclusiva deste colectivo. Trátase dun fenómeno transversal que pode incidir en persoas de diferentes idades, lugares de residencia ou situacións económicas. Por iso, a central nace tamén co propósito de detectar de forma temperá casos que poidan pasar desapercibidos e establecer un sistema de derivación e seguimento adaptado a cada usuario.
Esta ferramenta enmárcase dentro da Estratexia galega contra a soidade non desexada, dotada cun orzamento global de 145 millóns de euros.•





