Monforte inicia a elaboración do seu Plan de Acción Local aliñado coa Axenda 2030

O documento definirá as medidas para avanzar cara un modelo urbano sostible e servirá de guía para acceder a vías de financiamento europeo

Na mesa participaron a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, os Concelleiros de Sanidade, Drogodependencias, Tráfico e Mobilidade, Pilar Espinosa; de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada; Deportes, José Manuel Mougán; Consumo, Regina López; Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, e Muller e Igualdade, Margarita López. Foto GPCM.

O Concello de Monforte deu esta semana un novo paso na súa aposta polo desenvolvemento sostible coa posta en marcha dos traballos para elaborar o seu Plan de Acción Local aliñado coa Axenda 2030. A iniciativa permitirá integrar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) nas políticas municipais e avanzar cara un modelo de cidade máis inclusiva, eficiente e respectuosa co medio ambiente.
A primeira reunión de traballo celebrouse nas dependencias municipais, presidida pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e contou coa participación do equipo redactor da empresa Serviguide, encargada de elaborar o documento. No encontro participaron tamén os concelleiros e concelleiras de Sanidade, Medio Ambiente, Deportes, Consumo, Tecnoloxía e Igualdade, que achegaron as primeiras propostas de acción.
Durante a sesión, Prada destacou o “firme compromiso” do goberno local e do alcalde, José Tomé Roca, co desenvolvemento sostible, a igualdade e a loita contra o cambio climático. “Temos unha oportunidade única para converter Monforte nunha cidade máis sostible, eficiente e cohesionada socialmente”, sinalou, en referencia ao proceso que se abre coa redacción deste plan.
O documento servirá como folla de ruta para aliñar as políticas locais cos principios da Axenda 2030 impulsada pola ONU. Entre os seus obxectivos figura mellorar a planificación estratéxica municipal, fortalecer a participación cidadá e facilitar o acceso a fondos de financiamento rexional, estatal e europeo destinados a proxectos sostibles.
A elaboración do plan comezará cun diagnóstico inicial que permitirá identificar as accións que o Concello xa está a desenvolver e que se corresponden cos ODS, así como avaliar o grao de cumprimento dos mesmos no ámbito local. A partir dese punto, definiranse as áreas prioritarias de intervención e os eixos estratéxicos que guiarán o traballo nos próximos anos.
A previsión é que o documento final recolla medidas concretas agrupadas en tres grandes ámbitos: o ambiental, o social e o económico. Cada unha destas áreas incluirá obxectivos medibles e mecanismos de seguimento que permitan avaliar o avance real das políticas públicas.
O plan tamén incorporará unha campaña de difusión e sensibilización destinada a achegar os contidos da Axenda 2030 á cidadanía. Esta fase implicará tanto ao persoal técnico municipal como ao alumnado de Secundaria dos centros educativos da cidade, co obxectivo de fomentar unha maior implicación da poboación moza nos retos ambientais e sociais actuais.
A Axenda 2030 foi aprobada polas Nacións Unidas en 2015 como un compromiso global para abordar de forma coordinada as grandes problemáticas do planeta. A súa estrutura baséase en cinco eixos —as persoas, o planeta, a prosperidade, a paz e as alianzas— e concrétase en 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que van desde a erradicación da pobreza ata a protección da biodiversidade terrestre e mariña.
Estes 17 obxectivos distribúense en 169 metas e máis de 200 indicadores que permiten avaliar o progreso de cada país ou territorio. Entre eles atópanse a educación de calidade, a igualdade de xénero, a enerxía limpa, o traballo decente, a redución das desigualdades e a creación de cidades sostibles.
Con este proxecto, Monforte de Lemos sitúase entre os concellos galegos que están a desenvolver ferramentas propias de planificación sostible.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Festa de Samaín O Saviñao 2025

Seguinte Nova

Monforte mantén conxeladas as taxas e impostos municipais

Últimas noticias sobre SOSTIBILIDADE

Ir aInicio

Don't Miss