PSdeG e BNG acusan á Xunta de presentar uns Orzamentos «irreais e propagandísticos»

Foto: Arquivo

Os Orzamentos da Xunta para 2026 xeraron unha dura contestación política entre os grupos da oposición. Tanto o PSdeG como o BNG coinciden en cualificalos de “irreais, propagandísticos e rutineiros”, acusando ao Goberno galego de repetir anuncios sen concreción nin impacto real sobre a cidadanía.
A deputada socialista por Lugo, Lara Méndez, criticou que o documento “carece de vontade real de impulsar a provincia” e asegurou que “a Xunta limita a Lugo a un escaparate propagandístico, mentres as infraestruturas e servizos esenciais seguen sen executarse”. Méndez lamentou que, un ano máis, “o Partido Popular presuma de cifras e anuncios mentres aumentan as necesidades sen resposta”.
A parlamentaria sinalou que as contas “repiten promesas sen cumprir e deixan sen atender débedas históricas en materia de infraestruturas, vivenda, sanidade e desenvolvemento rural”. Tamén acusou ao Executivo de “trasladar responsabilidades aos concellos sen dotación económica suficiente, mantendo conxelado o Fondo Galego de Cooperación e deteriorando servizos básicos como a dependencia ou a atención sanitaria”.
“O Goberno galego asfixia aos municipios, obrigándoos a asumir competencias impropias sen o financiamento preciso”, subliñou Méndez, quen advertiu que Lugo continúa “sen políticas activas que permitan fixar poboación e crear emprego”. A deputada avanzou que o seu grupo presentará emendas e propostas “serias e viables” para garantir investimentos “con impacto real” na provincia.
Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, definiu os orzamentos como “o retrato dun Goberno estancado, sen ideas e sen ambición”. Segundo afirmou, “hai máis ambición nos orzamentos dunha comunidade de veciños que nestas contas rutineiras do PP, que se repiten ano tras ano como un Día da Marmota”.
Pontón cuestionou que as contas poidan mellorar a vida da cidadanía: “Van mellorar a sanidade, a dependencia ou o acceso á vivenda? Van crear emprego de calidade? A resposta é un rotundo non”. A líder nacionalista denunciou ademais “recortes encubertos” en servizos como o de axuda no fogar, que “nos dous últimos exercicios perdeu 35,5 millóns de euros, pese a estar colapsado”.
A portavoz criticou tamén que o Executivo “manteña beneficios fiscais ás rendas máis altas mentres conxela o complemento autonómico das pensións non contributivas”. “O PP fai perder a Galicia 793 millóns de euros que poderían destinarse a sanidade, educación ou vivenda”, indicou.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O certame das Catas de Galicia entra na súa recta final coas últimas degustacións

Seguinte Nova

O encontro Ultreia Galicia reunirá a máis de 200 axentes do ecosistema emprendedor

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio

Don't Miss