
O Concello de Monforte vén de abrir o prazo para solicitar as axudas destinadas á creación de novas empresas, incluídas no Programa de Fomento da Iniciativa Empresarial. O alcalde, José Tomé Roca, destacou que con esta convocatoria, dotada con 30.000 euros, o obxectivo é “colaborar de forma activa na xeración de emprego e apoiar a posta en marcha de proxectos que contribúan a fixar poboación e a promover un crecemento sostible no municipio”.
As bases reguladoras foron aprobadas pola Xunta de Goberno e o extracto publicouse no Boletín Oficial da Provincia o 3 de novembro, polo que o prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 4 ao 21 de novembro. Os interesados poderán formalizar a súa petición no Rexistro Xeral do Concello ou a través de calquera dos medios previstos na normativa administrativa.
As axudas están dirixidas a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas con sede fiscal e social en Monforte que iniciasen a súa actividade entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025. O importe máximo por beneficiario será de 1.500 euros, cubrindo ata o 50% dos gastos iniciais da empresa, cun incremento do 25% se a persoa promotora é muller ou conta cunha discapacidade.
Entre os gastos subvencionables inclúense custos de constitución, adquisición de existencias, alugueiro de locais ou equipos, seguros e subministracións básicas necesarias para o funcionamento da actividade.•



