O alcalde defende a actuación como un novo símbolo urbano, mentres PP e BNG critican o custo e a falta de prioridade da obra

O Concello de Monforte de Lemos vén de presentar o proxecto de reforma do Parque dos Condes, unha actuación que terá como elemento central a construción dunha gran fonte ornamental. O alcalde, José Tomé Roca, explicou que se trata dunha intervención “destinada a crear un novo símbolo para a cidade, unha fonte de referencia que combine atractivo turístico e integración paisaxística”. O investimento total ascende a 677.018,89 euros e será financiado a través dun convenio coa Deputación de Lugo.
A licitación publicouse esta semana e as empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 24 de novembro. Segundo avanzou Tomé, unha vez adxudicada a obra, o prazo de execución será de seis meses, co obxectivo de ter a fonte rematada antes de agosto de 2026. A actuación abrangue unha superficie de 2.850 metros cadrados situada entre a rúa Cardeal e o Cadrado, onde se acometerá unha renovación integral do pavimento e das zonas verdes.
O proxecto contempla a instalación dunha fonte circular cun vaso de 25 metros de diámetro e 75 centímetros de profundidade, rodeada dun paseo de pedra granítica de cinco metros de ancho e novos accesos desde diferentes puntos do parque. O busto do Cardeal que ocupa hoxe o centro desta área trasladarase á rotonda da nova rúa da Zona D. Ademais, reformaranse os parterres e substituiranse ou transplantaranse varias árbores, mentres que a iluminación será renovada e adaptada á nova distribución.
A fonte contará con cinco efectos de auga distintos —surtidores verticais, parabólicos e en coroa, entre outros— e un sistema de iluminación RGBW que permitirá xogos de luces personalizables. Segundo detallou o alcalde, “a instalación integrará tecnoloxía de control remoto e sensores de vento, que axustarán automaticamente a altura dos chorros, optimizando o consumo de auga e electricidade”. Engadiu tamén que “a auga será reutilizable e só se reporá a evaporada, reducindo o impacto ambiental”.
Tomé destacou que este proxecto supón “dar un paso máis na recuperación e posta en valor dos espazos públicos de Monforte”, lembrando que o seu goberno “xa rehabilitou fontes históricas como as das Casitas, a Estación ou a Compañía”. O obxectivo, sinalou, é converter o Parque dos Condes “nun punto de encontro emblemático, cun deseño moderno e respectuoso co entorno, que reactive o lecer urbano e o atractivo turístico da cidade”.
Porén, o anuncio non tardou en espertar críticas desde a oposición. O Partido Popular considera que o investimento non é prioritario. A voceira municipal, Katy Varela, asegurou que “non ten sentido gastar 677.000 euros nunha fonte mentres hai servizos básicos sen cubrir”. A edil lamentou a redución da zona verde e propuxo alternativas “máis útiles e respectuosas coa contorna, como unha cuberta ornamental que permita o uso do parque durante o inverno”.
Varela sostén que proxectos deste tipo “responden máis ao lucimento persoal do alcalde que ás necesidades reais da veciñanza”. O grupo popular reclama destinar eses fondos á mellora de servizos como o centro de día, a gardería municipal ou o Servizo de Axuda no Fogar, que “segue a ter unha lista de agarda preocupante”. “Un alcalde responsable priorizaría actuacións que melloren a calidade de vida dos veciños, non obras de escaparate”, engadiu.
Tamén o BNG amosou a súa oposición á iniciativa, cualificándoa de “megalómana e allea ás necesidades de Monforte”. O seu voceiro, Emilio J. Sánchez Iglesias, afirmou que “con 677.000 euros poderíanse afrontar melloras urxentes como levar o saneamento ás parroquias ou arranxar o mercado gandeiro”. Para o Bloque, trátase dun proxecto “antiquado e sen prioridade social nin ambiental”.
O BNG critica “a falta de planificación e participación cidadá” e aposta por “un modelo de cidade máis sostible e centrado no benestar da veciñanza”. En resposta ás declaracións do PP, o nacionalista Manuel Luaces lembrou que “é a Xunta, e non o Concello, quen debe financiar servizos como o SAF ou as escolas infantís”, acusando aos populares de “incoherencia e oportunismo”.
Sánchez Iglesias concluíu que “precísanse investimentos que melloren a vida da xente, non fontes que só buscan titulares”.•





