
O BNG de Monforte anunciou que levará ao próximo Pleno municipal unha moción para instar á Xunta de Galicia a abrir unha investigación sobre a situación da residencia de maiores Domus VI. A iniciativa chega tras as denuncias de familiares e traballadores que alertan de saturación, escaseza de persoal e deficiencias hixiénicas nas instalacións.
O portavoz local do Bloque, Manuel Luaces, asegurou que “a información que está saíndo á luz é moi preocupante e revela un modelo de atención totalmente desbordado”. Engadiu que “a Xunta ten que garantir condicións humanas e persoal suficiente, non mirar para outro lado mentres se deteriora a atención ás persoas maiores”.
A moción solicita ademais que o Concello remita un informe á Consellería de Política Social e que se revisen os ratios de persoal e as condicións de atención. “Non se pode permitir que as residencias se convertan en almacéns de persoas maiores”, concluíu Luaces.•



