

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra celebrou este sábado a gala da súa undécima edición. Desde a súa creación, o certame leva repartidos 32 premios cun valor total de 194.000 euros, grazas á colaboración de múltiples empresas e institucións públicas e privadas.
Na sesión matinal, os dez proxectos finalistas expuxeron as súas propostas ante o xurado, e pola noite tivo lugar a entrega dos galardóns, nunha cita que reuniu a representantes da administración, do tecido empresarial e das universidades galegas. Por primeira vez, os finalistas poderán acceder a un plan de asesoramento técnico financiado por AGADER, que se desenvolverá no primeiro semestre de 2026, ampliando así o apoio formativo e profesional que ofrece o certame.
O primeiro premio, dotado con 10.000 euros, recaeu en O Fogar dos Soños, unha queixaría e xeadería artesanal con base en Amandi que aposta pola produción de leite de cabra e a recuperación de terreos rurais para crear un espazo aberto ao público con degustacións e obradoiros.
O segundo galardón, de 6.000 euros, foi para Ensácrate, unha iniciativa que deseña viaxes e experiencias personalizadas destinadas a promocionar a Ribeira Sacra como destino de turismo de autor e de calidade.
O terceiro premio, con 4.000 euros, obtívoo Viñalert, un sistema tecnolóxico de monitorización das vides que analiza en tempo real parámetros como nutrientes, temperatura ou humidade, permitindo un control preciso e sostible das plantacións.•





