O Consorcio de Turismo destaca a alta demanda das actividades e unha ocupación que mellorou en cinco puntos as cifras do pasado ano

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra clausurou a programación A Caída da Folla 2025 cun balance claramente positivo, marcado pola elevada participación e pola ocupación case completa en todas as propostas ofertadas. Ao longo das fins de semana comprendidas entre o 11 de outubro e o 9 de novembro, arredor de 140 persoas tomaron parte nas dez actividades deseñadas para mostrar o territorio durante o outono. Chegaron tanto de distintos puntos de Galicia como de cidades do centro peninsular, con especial presenza de visitantes procedentes de Madrid.
O programa combinou experiencias vinculadas á natureza, ao patrimonio e ao benestar, incluíndo saídas micolóxicas, rutas en bicicleta, xornadas de astroturismo, obradoiros creativos, actividades de mindfulness, propostas ligadas á antiga minaría aurífera e mesmo unha visita nocturna con cata nun mosteiro pouco coñecido. A recollida de cogomelos volveu ser a actividade máis demandada, esgotando prazas en poucas horas e acumulando unha longa lista de agarda. As novidades desta edición tamén espertaron interese, especialmente o astroturismo e o percorrido nocturno.
Desde o Consorcio salientan que iniciativas deste tipo contribúen a reforzar a idea da Ribeira Sacra como destino activo durante todo o ano, favorecendo a desestacionalización e apoiando ao tecido empresarial local. Ademais de diversificar a oferta, permiten dar a coñecer recursos que adoitan pasar máis desapercibidos. Programas como A Caída da Folla ou o Viñobús Vendima contan co apoio da Axencia Turismo de Galicia ao abeiro do convenio de xeodestino 2025.
En paralelo ao desenvolvemento destas actividades, o mes de outubro deixou tamén cifras destacadas no eido da ocupación turística. A media diaria situouse nas 5.191 prazas, o que supón un 49,75 % do total. Por categorías, os hoteis de 4 e 3 estrelas acadaron un 76,5 %, o turismo rural situouse no 42,1 % e as vivendas turísticas rexistraron un 17,9 %. O resto de aloxamentos —entre os que se inclúen pensións, albergues e campings— alcanzou un 62,5 %.
Segundo os datos recompilados polo Consorcio, estes valores melloran en cinco puntos as marcas de 2024.•



