A Deputación aproba uns Orzamentos para o 2026 centrados no benestar e no apoio aos concellos

O orzamento, que supera os 135 millóns, saíu adiante cos votos de PSdeG e BNG e inclúe máis recursos sociais e de mobilidade. Foto GPDL.

A Deputación de Lugo aprobou este martes os Orzamentos de 2026, que ascenden a máis de 135 millóns de euros e que, segundo o Executivo provincial, permitirán manter a aposta polo benestar social, reforzar a mobilidade e impulsar os sectores produtivos. As contas medran un 3,7% respecto ao presente ano e dan continuidade á liña de actuación iniciada neste mandato, orientada a garantir servizos públicos e apoiar o desenvolvemento económico do territorio.
A sesión plenaria estivo marcada pola ausencia dos deputados do PPdeG, que abandonaron o salón antes da votación. O presidente da Deputación, José Tomé Roca, criticou a actitude da oposición, que cualificou de “lamentable”, e apelou á “responsabilidade e seriedade” para analizar o documento con criterios técnicos. Finalmente, o orzamento foi aprobado cos votos favorables de PSdeG e BNG.
No debate, a deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, destacou que o documento é “realista”, cun nivel de execución do 85%; “investidor”, ao reservar 19,5 millóns a obras e proxectos; e “social”, cun peso destacado das transferencias correntes. Subliñou tamén que a institución mantén a débeda a cero, algo que, ao seu xuízo, permite planificar con estabilidade.
As políticas sociais contarán con 41 millóns, partidas destinadas a reforzar os Centros de Atención a Maiores, o Servizo de Axuda no Fogar e a Teleasistencia. Os centros públicos da Deputación atenden a 300 persoas, mentres que o SAF e a Teleasistencia chegan a preto de 4.000 usuarios entre ambos servizos. Para o vindeiro ano, as residencias disporán de 11,5 millóns e avanzarán os proxectos en marcha noutros municipios, entre eles Becerreá, A Pontenova, Guitiriz e A Pobra do Brollón.
A mobilidade é outro dos eixos do orzamento, cun investimento de 27 millóns destinado á mellora de vías, conservación e actuacións do Parque Móbil. A Deputación prevé continuar o plan de estradas iniciado en 2025, con intervencións en máis de medio cento de concellos.
O Plan Deputación mobilizará 22,25 millóns, mentres que 13,5 millóns se orientarán aos sectores produtivos, incluíndo a Granxa Gayoso Castro e programas vinculados ao turismo e ao medio ambiente. O Pleno aprobou tamén por unanimidade unha declaración institucional polo 25N, reafirmando o compromiso da Deputación na loita contra a violencia machista.

O PP ABANDONA O PLENO
Os doce deputados do Grupo Provincial Popular abandonaron o pleno no momento da votación. O voceiro popular, Antonio Ameijide, afirmou que “dicimos non a estes orzamentos porque Lugo merece máis e os lucenses merecemos respecto”, ao tempo que explicou que a saída do hemiciclo pretendía evidenciar que non aceptarían “ser cómplices desta treta”.
No debate, Ameijide criticou a xestión de PSOE e BNG ao asegurar que “a provincia non pode permitirse outro ano perdido baixo un goberno que non xestiona nin planifica”. Engadiu que, tras 18 anos de mandato, ambos partidos “só ofrecen sectarismo, amiguismo e parálise”. O grupo tamén denunciou a aprobación de convenios “a porta pechada” e alertou do “desequilibrio territorial” que, ao seu xuízo, sofren os concellos máis pequenos.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Concello incorpora ao seu patrimonio o edificio de Sargadelos na Praza de España

Seguinte Nova

O Concello de Monforte presenta os orzamentos «máis sociais da súa historia»

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio

Don't Miss