As intervencións abranguen preto de seis quilómetros da LU-P-0910 e toda a LU-P-0903, cun orzamento de 268.683 euros.

A Deputación de Lugo vén de rematar o plan de mellora acometido nas estradas provinciais que comunican Bóveda co límite municipal de Paradela e co enlace da LU-611 na parroquia da Raíña. As actuacións centráronse na LU-P-0910, que une Rubián con Mosteiro Vello a través de Vilarbuxán, e na LU-P-0903, vía que comunica o casco urbano de Bóveda coa rede autonómica. En conxunto, a intervención abrangue preto de seis quilómetros e permitiu renovar uns trazados que presentaban un deterioro evidente polo paso do tempo e o incremento do tráfico.
As obras foron executadas pola empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos SLU por un importe de 268.683,32 euros e cun prazo de execución inferior aos dous meses. A actuación respondeu á necesidade de mellorar a comodidade e a seguridade da circulación, nun contexto no que o desgaste do pavimento e as deficiencias no sistema de drenaxe estaban a provocar un encarecemento progresivo das tarefas de conservación.
Os traballos realizados consistiron na reapertura das cunetas en terra para garantir unha evacuación axeitada das augas e na limpeza das obras de drenaxe transversal, fundamentais para evitar acumulacións que aceleran a degradación do firme. Ademais, acometeuse a reparación puntual de fochancas, mordeduras e pequenos afundimentos mediante recrecidos con macadam ou gravillón da granulometría axeitada, completados cun tratamento superficial de triple capa que permite estabilizar a superficie e reforzar a adherencia.
As zonas con deterioro moderado foron repavimentadas aplicando un dobre tratamento superficial, mentres que nos treitos máis afectados, onde xa se apreciaba perda de árido ou fenómenos de peladura, o reforzo realizouse mediante un tratamento de triple capa. Estes sistemas, baseados en regos asfálticos combinados con gravilla, permiten recuperar a uniformidade do pavimento e prolongar a súa vida útil cunha intervención pouco invasiva.
Con estas melloras, preténdese reducir riscos, favorecer a conexión entre parroquias e garantir un tránsito máis cómodo tanto para o tráfico local como para os vehículos que empregan estas estradas como ligazón con outras rutas comarcais.
Estas actuacións insírense no plan provincial de conservación da rede viaria, que busca adaptar os investimentos ao estado real das estradas e priorizar aquelas intervencións que teñen un impacto directo no servizo á cidadanía, dando continuidade ás obras que a institución está a desenvolver noutros puntos da provincia.•




