
A fábrica de cementos Oural, situada na comarca de Sarria e pertencente a Votorantim Cimentos España, foi galardoada co Premio á Excelencia Química Empresarial de Galicia 2025, que concede o Colexio Oficial de Químicos. O acto celebrouse en Lugo, no marco do Día da Química, coa presenza de medio cento de profesionais. María Gandoy, directora de Proxectos, recolleu o premio e subliñou que “supón un recoñecemento ao traballo da planta e ao compromiso coa sustentabilidade e a innovación”. Desde a súa posta en marcha en 1962, Oural consolidouse como primeira fábrica de cemento de Galicia e como motor económico da provincia, participando en obras emblemáticas e mantendo unha aposta constante pola excelencia industrial. Gandoy destacou tamén que este galardón “homenaxea a todas as persoas que fixeron posible esta historia durante máis de seis décadas”.•



