A iniciativa permite ás persoas menores de 21 anos realizar ata 60 viaxes mensuais de balde no transporte dependente da Xunta de Galicia

A tarxeta Xente Nova continúa a consolidarse como unha das medidas máis utilizadas pola mocidade para os seus desprazamentos cotiáns. Segundo os datos dispoñibles a peche de setembro, están activas máis de 132.000 tarxetas, unha cifra que volve situar o programa nun crecemento sostido. Só entre xaneiro e setembro deste ano tramitáronse máis de 20.000 altas, confirmando o interese dun público novo que atopa nesta ferramenta un modo de mobilidade accesible e sen custe económico directo.
Durante os nove primeiros meses do exercicio acumuláronse máis de 4,9 millóns de viaxes gratuítas, un volume lixeiramente superior ao rexistrado no mesmo período do ano anterior. A media mensual supera as 540.000 viaxes, cunha distribución territorial que mantén a tendencia habitual: a provincia da Coruña concentra o 52 % dos desprazamentos, seguida da de Pontevedra, cun 36 %, mentres que Lugo e Ourense achegan arredor dun 6 % cada unha.
O aforro para os usuarios rolda os 8,8 millóns de euros ata setembro, unha cifra que supera en torno ao 4 % a do mesmo tramo de 2024. Desde a posta en marcha da iniciativa, en agosto de 2016, o número total de viaxes realizadas supera xa os 33,5 millóns, cun investimento acumulado que rebasa os 50,2 millóns de euros. A bonificación do 100 % do custo dos desprazamentos, compartida entre o Estado e a Xunta, continúa a ser un dos eixes fundamentais desta política de fomento do transporte público.
A tarxeta ofrece aos menores de 21 anos ata 60 viaxes mensuais de balde no autobús interurbano e noutros medios dependentes da administración autonómica, como o ferrocarril de proximidade na área de Ferrol ou o servizo marítimo da ría de Vigo, onde o desconto é asumido integramente pola Xunta. As bonificacións inclúen tamén os traxectos urbanos asociados a transbordos realizados no marco dunha viaxe metropolitana.
A iniciativa contribúe a aliviar o gasto das familias e fomentar hábitos de mobilidade sustentable entre a mocidade. En paralelo, continúan vixentes outros programas como a Tarxeta de Mobilidade de Galicia ou a tarifa +65. Esta última tamén permite realizar ata 60 viaxes mensuais de balde ás persoas maiores. Segundo a Xunta, esta política tarifaria, integrada no Plan de Transporte Público de Galicia, é un factor clave no incremento gradual do uso do transporte interurbano en toda a comunidade.•




