
A Consellería de Sanidade, en colaboración coa Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), pon en marcha desde hoxe o ensaio clínico Sincigal, no que se convidará a participar máis de 900.000 galegas e galegos maiores de 60 anos. O obxectivo é comprobar a efectividade da vacina Abrysvo®, xa autorizada polas autoridades sanitarias para previr o virus respiratorio sincitial (VRS).
Este estudo pretende demostrar se a inmunización reduce os ingresos hospitalarios por VRS na poboación galega. Trátase dun proxecto máis ambicioso que o ensaio Galflu, que contou con arredor de 135.000 participantes e permitiu incorporar ao calendario vacinal a vacina de alta carga contra a gripe para maiores de 70 anos.
Como participar
Calquera persoa maior de 60 anos poderá sumarse ao estudo cando acuda ás citas de vacinación fronte á gripe ou á covid, ou durante unha asistencia sanitaria en centros de atención primaria ou hospitais asociados. A participación é voluntaria e, no caso de aceptar, o sistema asignará por azar se recibe ou non a vacina, cunha probabilidade do 50 %.
As persoas vacinadas recibirán a dose no momento ou nunha quenda posterior, tras comprobar que non existen contraindicacións. Quen non reciba a vacina non terá que realizar ningún procedemento adicional. O seguimento farase a través da historia clínica, sen visitas específicas para o estudo.
Un equipo multidisciplinar
No ensaio participan preto de 250 centros sanitarios e máis de 700 profesionais de enfermaría, coordinados pola Consellería de Sanidade e polo grupo de investigación en xenética, vacinas e enfermidades infecciosas do IDIS, liderado polo doutor Federico Martinón.
Para máis información ou resolver dúbidas, está dispoñible o teléfono gratuíto 900 842 217.
Antecedentes e obxectivo
Galicia foi pioneira en 2023 ao incluír a inmunización fronte ao VRS no calendario infantil, logrando reducir nun 90 % as hospitalizacións por bronquiolite en bebés. Agora, o estudo Sincigal busca determinar con rigor científico quen debe vacinarse e cando, integrando a investigación clínica no sistema sanitario real para mellorar as políticas de saúde pública.



