
O Concello de Monforte presentou a pasada semana a nova proposta de reparcelación da Zona C, unha actuación que se reformula para cumprir coas tres sentenzas que obrigan a reorganizar o ámbito en dous polígonos independentes, incorporar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil como titular do Dominio Público Hidráulico e axustar a aliñación dun inmoble situado na rúa Ourense. O alcalde, José Tomé Roca, detallou que estes cambios non alteran o deseño nin o alcance da urbanización xa executada, senón unicamente o procedemento administrativo necesario para completar a ordenación.
Os proxectos correspondentes aos polígonos 1 e 2 quedaron aprobados inicialmente na Xunta de Goberno Local do pasado 17 de novembro e publícanse este xoves no Boletín Oficial da Provincia. A partir desa data abrirase un período de información pública que se prolongará ata o 22 de decembro, durante o que os propietarios e interesados poderán presentar alegacións. O Concello tamén notificará individualmente o novo trámite e remitirá a documentación á Confederación Hidrográfica. Segundo explicou o rexedor, se non se reciben observacións, “a aprobación elevarase a definitiva”, e no caso contrario “resolveranse segundo corresponda”.
NOVO PLANTEAMIENTO
O novo planeamento incorpora o informe previo do organismo de conca, un requisito que non se esixira no ano 2000 cando se modificou o planeamento para permitir o desenvolvemento da área. Ademais, a división en dous polígonos reorganiza as achegas de solo e os futuros aproveitamentos edificables, mentres que a aliñación revisada exclúe a parte traseira dun edificio que non pertence ao ámbito.
Durante a presentación, Tomé Roca lembrou que a Zona C permaneceu sen uso durante dúas décadas, malia tratarse dun espazo central situado entre Rof Codina e Cobas e fronte ao Colexio da Antiga. En 2020 iniciouse o proceso de reparcelación que permitiu executar a urbanización e dotar o ámbito de servizos, o que, segundo indicou, transformou unha área degradada nun espazo preparado para novos usos residenciais e comerciais.
Os detalles de superficie e reparto de cargas inclúense nos proxectos técnicos e afectan a once propietarios no Polígono 2 e a dous no Polígono 1, ademais da participación do Dominio Público Hidráulico e das cesións municipais. O custe medio calculado polo Concello sitúase en 56,03 euros por metro cadrado edificable, o que supón que unha vivenda tipo de 100 metros cadrados levaría asociada unha carga de 5.603 euros.•



