Montañas do Courel: Un recuncho de pegadas fondas

Mar LÓPEZ SOTELO, Directora e Investigadora
Área de Antropología IE. Campus Stellae

•Todas as estacións do ano son marabillosas para facer unha visita, paseniño, ás Montañas do Courel Xeoparque da UNESCO, aínda que o outono é a máis máxica e encantadora para desfrutar deste antigo paraíso. É coma volver ás nosas raíces, ao noso berce evolutivo, para entender por qué os galegos somos como somos e non doutro xeito.
Rutas espectaculares, natureza, paisaxes, arqueoloxía, festas tradicionais, gastronomía, etnografía e patrimonio xeolóxico son só algúns dos atractivos deste recanto do rural galego. O monte está cheo de alvarizas, caleiras, castros, ferrerías, muíños de aceite, castelos, devesas, fervenzas, lagoas… Mires onde mires, atopas lugares incribles; por iso en 2019 foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
Aquí tedes unha pequena reportaxe fotográfica dalgúns recunchos que visitamos coincidindo coa Festa da Castaña do Courel. Comezamos a nosa viaxe dende Quiroga sen présa, parando de cando en vez, enchendo os ollos de paisaxes que espertaron os nosos sentidos, pero tamén mergullándonos nunha profunda dor vendo a devastación do recente incendio forestal.
Os nosos rostros ilumináronse cando puidemos ver os tellados de lousa da Seara, ca espectacular fervenza e a igrexa encalada coma un faro que nos guía cara ao paraíso. De súpeto, tivemos que deter o coche: vacas e bois tiñan preferencia, guiados polos donos e por uns cans que deixaban claro que gardaban ben o rebaño. Unha fermosa escena que non viramos en moito tempo.
Continuamos cara Ferramulín, onde puidemos ver o preto que estivera o lume; as montañas carbonizadas contrastaban coas cores das árbores e as uces. Pero o máis difícil foi escoitar as testemuñas dos veciños sobre a traxedia. Soubemos que a señora Lola non estaba alí no momento do incendio e, aínda que marchamos sen probar o seu mel, alegrámonos de saber que estaba a salvo coa súa familia. Falamos tamén con aqueles rapaces que deixaron a gran cidade hai 30 anos e abriron unha taberna na aldea e, a pesar dos días infernais que viviron, aínda seguen preparando un café exquisito que se pode degustar coa torta de castañas courelá.
Achegábase a hora de xantar, así que fomos a Padern. Que ben comimos! Non faltaron o xamón, chourizo, queixo, caldo de berzas, castañas cocidas, xabarín, polo e tenreira. E de lambonadas? A exquisita torta de castañas de Folgoso do Courel e un chupito de licor de herbas cun rico café de pota. Ah!, se ides, non esquezades pedir o pan: estaba delicioso.

Despois de xantar, demos un agradable paseo polas rúas, admirando a arquitectura e disfrutando dos raios de sol que finalmente conseguiron asomarse entre as nubes. Cruzamos regatos, pontes e pequenas aldeas, pasamos preto da Devesa da Rogueira e chegamos a Taro Branco xusto a tempo para ver o solpor. Todos os nosos sentidos espertaron de novo e demos as grazas por compartir este día xuntos.
É todo un reto intentar transmitir, a través deste relato, a importancia de coidar e protexer as Montañas do Courel como Xeoparque da UNESCO, especialmente despois de presenciar a destrución dos incendios forestais. Un exemplo: hai aproximadamente ano e medio, o Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana (CIMAR), pertencente ao Xeoparque, acolleu a primeira «Xornada Antropolóxica sobre os Esgrafiado Galego». Aínda que non foi a nosa primeira colaboración, salientamos unha vez máis a importancia de reforzar algunhas ideas clave que compartimos, para concienciar a todos os axentes implicados dos beneficios que este apoio mutuo pode ter para o territorio. En concreto, nos estudos sobre os caleiros e a súa relación coas construcións esgrafiadas xeolocalizadas dentro do Xeoparque, demostraremos a importancia que pode ter a súa conservación, así como as áreas implicadas neste proceso. A partir de aí pódese xeralizar con calquera outro recurso dispoñible. Por iso, cando observamos un revestimento mural esgrafiado, debemos interesarnos polas fontes ou estudos sobre xeoloxía, paleontoloxía, arqueoloxía, etnografía, cultura e tradición, áreas que son un dos principais motores da investigación científica nesta rexión. Poderiamos dicir que temos unha incrible “aula” ao aire libre. Sen dúbida, todo isto contribúe á revalorización cultural e social da súa arquitectura vernácula, minería histórica e tradicións, reforzando así o orgullo e a identidade locais. Ademais, todo isto contribúe a fomentar o desenvolvemento sostible mediante a rehabilitación da arquitectura, a mellora das vías de comunicación e a xeración de emprego en diversos sectores.
A investigación sobre o revestimento esgrafiado en relación cos importantes caleiros esparexidos no Xeoparque creou un centro de investigación paleontolóxica, arqueolóxica e etnográfica de inconmensurable valor científico e educativo. As novas tecnoloxías déronlle unha difusión internacional, co respaldo inestimable do selo da UNESCO.
Investir nas empresas locais, na nosa cultura e tradicións reflicte en todos nós, e contribúe ao desenvolvemento do Courel, en particular, e de Galicia, en xeral. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Deputación completa a mellora de estradas provinciais no concello de Bóveda

Seguinte Nova

O PSdeG reforza en Monforte a coordinación comarcal de cara aos próximos meses

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

Ir aInicio

Don't Miss