A Deputación, a iniciativa dos nacionalistas, demanda á Xunta que garanta a viabilidade do SAF

A Deputación de Lugo aprobou este martes, por iniciativa do BNG, unha proposta na que insta á Xunta de Galicia a incrementar con urxencia o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar que prestan os concellos. O acordo, que avala tamén as reivindicacións da FEGAMP, fixa como obxectivo acadar os 17 euros por hora en 2025 e chegar aos 20 euros no ano 2027, co fin de asegurar a continuidade dun servizo considerado esencial para persoas maiores e dependentes.
Durante o debate, a portavoz nacionalista Iria Castro criticou que os deputados e alcaldes do Partido Popular non apoiasen a iniciativa e atribuíu ao Goberno galego un “abandono institucional” cara ás persoas usuarias. Advertiu, ademais, que “sen financiamento, o SAF encamíñase a unha quebra técnica”, e subliñou que esta situación repercute tanto na calidade da atención como nas condicións laborais das profesionais, ás que definiu como “traballadoras con soldos e condicións precarias”.
A proposta pide que tanto a Xunta como o Estado asuman o financiamento íntegro dos servizos que non son de competencia municipal, seguindo o principio de equilibrio financeiro. No mesmo pleno, o BNG levou outra iniciativa para denunciar o deterioro do sistema público de investigación agraria. O deputado Daniel García citou o caso do Centro de Investigacións de Mabegondo e o da Estación Experimental da Pobra do Brollón, onde continúa sen repararse o taller afectado por un incendio en 2021, para ilustrar o que cualificou como “demolición programada” destes centros.•



